FESTAS
Vilaxoán, Vilagarcía e Carril despiden o Entroido con diversos actos durante a fin de semana Vilaxoán, Vilagarcía e Carril queiman esta fin e semana as súas últimas tracas do Entroido. As tres localidades celebrarán entre o venres e o domingo diversos actos cos que despedir a festa máis irreverente e divertida do ano. Debido ao aprazamento ao sábado do desfile de disfraces de Vilagarcía como consecuencia da choiva, en Vilaxoán decidiuse demorar unha hora o seu Enterro da Sardiña para dar tempo a todo o mundo a gozar de ambos eventos.
15.02.2018.- A axenda de actos ábrese mañá venres en Vilaxoán, co festival de comparsas que terá lugar no centro socio cultural do Preguntoiro a partir das 20:30 horas e no que actuarán as agrupacións Marajota e Media, O Xoubal e Os do Cano. Durante esta xornada haberá un concurso de orellas nos bares e, tratándose de Vilaxoán, non podía faltar a tradición dos cánticos populares nas tabernas que no programa deseñado pola Asociación de Veciños se recollen baixo o título de Vermús Tabernarios. Serán a partir das 13:00 horas.
O acto máis multitudinario do sábado será o desfile de disfraces e carrozas que discorrerá polo centro de Vilagarcía a partir das cinco da tarde e que este ano estrea un percorrido máis amplo. O desfile partirá dende a Rúa Alexandre Bóveda (zona da Praza de Abastos) e dirixirase por Alejandro Cerecedo cara Doutor Tourón, Praza de España, Edelmiro Trillo, Padre Feijoo e Praza da Independencia. Aquí desviarase por Gumersindo Nartallo e enlazará con Juan Carlos I para continuar pola Praza da Constitución, xirar na Rúa Colón e incorporarse á Avenida da Mariña para continuar por Conde Vallellano e Arcebispo Lago , rematando de novo na Rúa Alexandre Bóveda.
Tras a entrega de premios do desfile de Vilagarcía, a troula trasladarase a Vilaxoán onde, ás 21:00 horas dará comezo o tradicional Enterro da Sardiña polo rueiro da localidade.
En Carril, O Gato Negro celebra o sábado o baile de Piñata para os seus socios e o domingo o festival infantil e o Entroidiño para os máis cativos e a mocidade. Os carrilexos botaranse ás rúas o Domingo de Piñata a partir das 18:30 horas para despedir o Entroido de 2018 co Enterro da Sardiña.