POLICÍA LOCAL
Os estacionamentos indebidos volveron ser a primeira causa das infraccións de tráfico cometidas en 2017 Seguindo a tradición que marcan as estatísticas policiais, os estacionamentos indebidos volveron ser en 2017 as infraccións máis numerosas cometidas en Vilagarcía en materia de tráfico. Das 7.784 denuncias tramitadas pola Policía Local, 3.879 corresponderon a estacionamentos en lugares indebidos, ás que hai que engadir as 1.919 referentes ao incumprimento da normativa da Zona Azul. Estes datos constan na memoria anual da que a Policía Local dou conta esta semana á Xunta de Goberno Local.
20.02.2018.- Desglosando as denuncia por aparcar en lugares indebidos, encabezan a lista os estacionamentos en zonas reservadas para carga e descarga (1.156), seguidos polos realizados enriba de beirarrúas e pasos peonís (1.002). Tamén son significativas as infraccións por estacionar en zonas peonís (463), ocupando carrís de circulación (374), en zona amarela (366), en paradas de bus /taxi (305) e en reservas para minusválidos (231).
No seu conxunto, o número total de denuncias incrementouse un 4,4% en relación aos datos do ano 2016. Segundo a tipificación das infraccións, as leves foron as máis numerosas con diferenza (5.896), fronte as graves (1.157) e moi graves (161). A evolución destas dúas últimas saldouse cun descenso do 51% para as moi graves e do 7% para as graves, o que ven dado en gran parte pola retirada das cámaras de foto roxo que detectaba aos vehículos que se saltaban o semáforo en vermello en pasos de peóns. De feito, no 2016 tramitáranse 694 denuncias detectadas polo foto roxo.
Polo incumprimento da normativa da Zona Azul presentáronse o ano pasado 1.919 denuncias das cales 1.279 corresponderon á infracción de estacionar sen disco, 479 a superar o horario establecido e 161 a outros motivos como poden ser cambiar o horario do disco unha vez superado o mesmo sen mover o coche. A Policía Local tamén fixo varias campañas de control da velocidade o ano pasado. O resultado das mesmas foron as 288 denuncias detectadas polo radar. Outro apartado importante polas consecuencias que poden ter, foron as infraccións por alcoholemias positivas (86). Tamén se cursaron 102 denuncias por carecer de seguro o vehículo e 130 por non ter pasado a ITV.
A Policía Local de Vilagarcía remitiu un total de 279 denuncias á Xefatura Provincial de Tráfico e o número de condutores aos que se lle restaron puntos o ano pasado polas infraccións cometidas ao volante foron 234.
Independentemente das infraccións que conlevan a retirada de puntos do carné, mesmo o carné ou outras condenas, a maioría das denuncias por infraccións en materia de tráfico sanciónanse con multas económicas polas que o Concello ingresou o ano pasado 227.485 euros correspondentes ás 5.417 sancións tramitadas directamente e as 1.752 enviadas á ORAL para o cobro pola vía executiva. A recadación por multas de tráfico en 20017 foi un 15% inferior ao ano anterior.