SERVIZOS SOCIAIS
Servizos Sociais integra nun novo programa os proxectos Sarsalé e de intervención con familias A Área de Servizos Sociais do Concello de Vilagarcía presenta este ano un novo proxecto que integra dous dos programas que viñan desenvolvendo nos últimos anos: o de “Intervención con familias en emerxencia social” e o “Proxecto Sarsalé” dirixido a poboación de etnia xitana. Baixo o título “Contigo, en familia: Apoio á familia, á infancia e a adolescencia”, o programa ábrese a toda a comunidade cunha perspectiva integradora e de irse alonxando do asistencialismo en procura da capacitación e do empoderamento dos usuarios.
26.02.2018.- O custe anual do programa ascende a 18.000 euros para cuxo financiamento o Concello solicita unha subvención de 17.000 euros con cargo aos fondos provinciais do Plan Concellos 2018.
O proxecto deseñado polo persoal dos Servizos Sociais en función da análise das necesidades detectadas no día a día do departamento traballará na liña da intervención en situacións de dificultade, risco e conflito persoal, social e familiar e na do desenvolvemento de accións tendentes a acadar o crecemento saudable e equilibrado nos colectivos da infancia e a adolescencia. Tamén se buscará minimizar a transmisión interxeneracional da pobreza e a exclusión social mediante a integración por medio de medidas sociais e laborais.
Para conseguir eses obxectivos, “Contigo, en familia” prevé a organización de actividades dirixidas á poboación de Vilagarcía de Arousa no seu conxunto e ás familias que teñen aberta intervención con proxectos socio educativos nos Servizos Sociais municipais. Estímase a participación de 15 unidades familiares en cada unha das accións a programar.
As sesións de actividades desenvolveranse de xeito grupal, individual ou de intervención co núcleo familiar implicado, en función das súas necesidades, intereses e perfil. Os contidos a desenvolver nos diferentes obradoiros versarían sobre: - Accións socio educativas de adquisición e coñecementos e ferramentas para desenvolver estilos parentais positivos: infancia e adolescencia. - Accións socio educativas de hábitos de benestar: alimentación, sono, exercicio, sexualidade, hixiene. Organización doméstica. - Accións socio educativas en ocio e lecer; a crianza a través do xogo - Acción socio educativas en emocións, habilidades sociais e resolución de conflitos. - Accións socio educativas en novas tecnoloxías; uso responsable. - Acción socio educativas en prevención do acoso, ciber acoso e bullyng.
Estes eixos temáticos correspóndense con diferentes obradoiros, no que os contidos poderán ser traballados dende a transversalidade, ou variar en función das necesidades detectadas ou da demanda de información. A duración total do proxecto distribuiríase ao longo do ano en función da demanda e dispoñibilidade. A distribución horaria estaría centrada en sesións semanais unha duración de entre 1,5 e 2 horas.