SEGURIDADE CIDADÁ
Ortiz aclara que os delitos graves descenderon en Vilagarcía un 4,5% e compromete máis axentes en verán “Insistimos y seguimos manteniendo que Vilagarcía es una ciudad muy segura”. Con esta contundencia se dirixiu aos medios de comunicación a subdelegada do Goberno en Pontevedra, Ana Ortiz, tras a reunión mantida esta mañá co alcalde, Alberto Varela, para analizar polo miúdo as estatísticas do ano pasado que situaban a Vilagarcía como a cidade de Galicia coa taxa de criminalidade máis alta. Ortiz resaltou que os delitos graves descenderon nese período un 4,5%. Atendendo á demanda do rexedor, a subdelegada comprometeuse a reforzar a plantilla da Comisaría na temporada de verán con máis axentes dos que inicialmente estaban previstos.
14.03.2018.- Varela Paz solicitara a reunión co obxecto de que os responsables estatais aclarasen cal é a situación real da cidade, dado que nos últimos anos e de xeito reiterado por parte dos sucesivos subdelegados do Goberno se insistía en que Vilagarcía era unha das cidades máis seguras e tranquilas de Galicia, o que chocou frontalmente coa cifra da traxa de criminalidade feita pública hai uns día polo delegado do Goberno, Santiago Villanueva.
Na reunión participaron ademais da subdelegada e o alcalde, o Comisario Provincial en Pontevedra, Manuel Bouzas; o Inspector Xefe da Comisaría de Vilagarcía, Juan José Díaz Jiménez e a Xefa da Policía Local, Carmen Roca. Ana Ortiz explicou que as estatísticas deben analizarse con minuciosidade e en contexto para non caer en erros e xerar falsas situacións de alarma como aconteceu neste caso. A subdelegada explicou que a taxa de criminalidade obtense coa suma dos delitos graves e de numerosas infraccións administrativas. Os delitos graves “que son los que más preocupan a los ciudadanos y los que producen sensación de inseguridad, descendieron un 4,5% el año pasado, por lo que, con criterios objetivos, seguimos manteniendo que Vilagarcía es una ciudad segura; muy segura”, manifestou. A razón polo que, pese a isto, a taxa de criminalidade global medrou foi porque as que si se incrementaron foron as infraccións administrativas, apuntou.
Neste apartado, a Ana Ortiz citou como exemplo o incremento de estafas por internet sufridas por cidadáns de Vilagarcía e dununciadas no municipio, que engrosan as cifras para obter a taxa de criminalidade, pero que non inciden na sensación de inseguridade na cidade. A subdelegada engadiu que a evolución deste tipo de infraccións “no dependen de la presencia ni de la eficacia policial en las calles, pero sí incide en la taxa global de criminalidad”.
Maila este argumento e ante as demanda de máis persoal para a Comisaría de Vilagarcía trasladada polo alcalde, Ortiz comprometeuse a enviar más axentes de prácticas dos inicialmente previstos para a temporada de verán. Para Varela este pode ser un primeiro paso, pero non o único que debe dar o Ministerio para dotar á Comisaría do Corpo Nacional da Policía de Vilagarcía do número de axentes que precisa unha poboación de preto de 38.000 habitantes. “Trátase dunha demanda que a cidadanía leva anos realizando, porque todos sabemos que con maior presenza policial nas rúas máis sensación de seguridade se transmite e ten a xente. Precísase dun maior esforzo do Ministerio neste sentido que debe acompañar ao que está facendo o Concello na Policía Local, onde o ano pasado creamos 3 novas prazas que xa están cubertas e que este ano ampliaranse con 3 máis”, engadiu o alcalde.
Dito isto, o alcalde agradeceu as aclaracións realizadas hai uns días polo Delegado do Goberno en Galicia e hoxe pola subdelegada en Pontevedra para matizar as cifras globais de criminalidade de Vilagarcía, “porque é preciso discernir para non crear situacións ou titulares alarmistas que, ademais de non axustarse á realidade, prexudican gravemente á imaxe da cidade e teñen repercusións negativas no turismo e a economía local”.
De cara ao futuro, Varela Paz pediu á subdelegada que cando se presenten as estatísticas anuais de criminalidade se expliquen convenientemente os diferentes apartados para non volver a incorrer en casos como o deste ano.