XUVENTUDE
Xuventude organiza un curso gratuíto de Decoración de eventos culturais No marco do plan de accións formativas que leva a cabo a Concellería de Xuventude, no mes de abril levarase a cabo un curso de Decoración de eventos culturais destinado a persoas de 18 a 35 anos. Con esta actividade, o departamento que dirixe Sonia Outón pretende continuar ofrecendo á mocidade distintas alternativas que, ademais de ocupar o seu tempo libre, contribúan a ampliar a súa formación de cara a mellorar as súas posibilidades de inserción laboral.
19.03.2018.- O curso desenvolverase do 9 ao 20 de abril no Auditorio Municipal completando un total de 24 horas lectivas. Terá unha parte teórica e outra práctica a realizar durante a montaxe da Mostra de Literatura Infantil e Xuvenil “Lectoriño”. A formación será impartida pola Academia Elisa e disponse de 15 prazas con preferencia para as persoas que dispoñan do título de monitor de tempo libre. O prazo de inscrición vai do 21 de marzo ao 3 de abril.
Con este curso continúase ampliando a formación dos xóvenes que anteriormente obtiveron o título de monitor de tempo libre. Coa práctica e a aplicación de técnicas e estratexias de xestión e decoración dos eventos culturais, preténdese, se xeito xeral, que os monitores aprendan a proxectar eventos culturais, a publicitalos e difundilos, a planificar os espazos, as rutas de circulación, así como as distintas técnicas de construción de elementos decorativos.