CONCELLO
Varela escenificará no Parlamento o rexeitamento do Salnés á Reforma da Lei de Saúde que se debate mañá O alcalde de Vilagarcía, Alberto Varela, desprazarase mañá a Santiago para asistir ao debate da conflitiva Reforma da Lei de Saúde promovida polo PP e que prevé a desaparición da área sanitaria do Salnés para pasar a integrarse na de Pontevedra. Varela formará parte da delegación de alcaldes dos municipios das catro áreas sanitarias de Galicia que perden categoría (O Salnés, Lemos, A Mariña e Valdeorras) que acode ao Parlamento para escenificar o rexeitamento á medida que pretende sacar adiante o goberno da Xunta de Galicia pese á elevada contestación social.
19.03.2018.- A presenza dos alcaldes das catro áreas sanitarias en San Cateano non é a única das accións convocadas polos colectivos que se opoñen aos novos recortes na sanidade pública que agocha esta reforma da lei. De feito, o consistorio de Vilagarcía acolle mañá o peche convocado pola Plataforma en Defensa da Sanidade Pública do Salnés para demandar o mantemento das áreas sanitarias. O encerro público terá lugar no Salón de Plenos entre as 9 e as 15 horas e con el porase fin á rolda de actos similares celebrados anteriormente noutros municipios da comarca. Ademais, mañá tamén haberá unha concentración na Praza de Ravella ás 12 do mediodía.
O goberno local de Vilagarcía considera que o goberno do PP na Xunta debe paralizar a tramitación dunha reforma que resultará moi lesiva para todos os galegos, xa que incide nos recortes á sanidade pública, e de xeito concreto para os vilagarciáns e o resto dos veciños da comarca, xa que prevé “converter ao Hospital do Salnés nun mero ambulatorio”.
Os colectivos que se opoñen a esta reforma advirten que ao perder a entidade de área sanitaria e pasar a converterse en distrito, o Hospital do Salnés será degradado, seguirá perdendo servizos e obrigará aos veciños da comarca a ter que desprazarse a Pontevedra para ser atendido por especialistas ou mesmo para realizar probas que ata agora se estaban facendo aquí. “Esta reforma o único que conseguirá é crear cidadáns de primeira, os que vivan onde se hai un Hospital de referencia, e de segunda, que seremos todos os demais”, puntualizan.