CONCELLO
Vilagarcía concorre co "Senior Friendly" a outra liña de fondos FEDER orientada ás persoas maiores O Concello de Vilagarcía concorre a unha nova liña de fondos Feder orientada a actuacións tendentes a mellorar a calidade de vida das Persoas Maiores. A candidatura faise a través da Deputación de Pontevedra e dun programa interrexional denominado "Senior Friendly" no que participan municipios da provincia e do norte de Portugal. Vilagarcía solicita 291.000 euros dos fondos europeos para levar a cabo actuacións nos eidos da accesibilidade, programas de envellecemento activo, participación cidadá, voluntariado e ocio e tempo libre.
24.03.2018.- A proposta xa se presentou e agora deberá esperarase a que a Unión Europea resolva entre todas as candidaturas formuladas para coñecer si finalmente Vilagarcía contará co financiamento requirido. De aprobarse, as actuacións deberán executarse ao longo do ano 2019.
A proposta vilagarciá toma como referencia a guía da Organización Mundial da Saúde sobre "Cidades Amigables para as Persoas Maiores" e foi deseñada polas concelleiras da Área de Persoas Maiores, Tania García, e de Urbanismo e Mobilidade, Paola María.
Participación do Consello Local
O proxecto consta de dúas fases. A primeira consiste na realización dun estudo e análise da situación das persoas maiores en Vilagarcía atendendo a datos demográficos, económicos e de recursos. Neste proceso contarase coa participación activa das persoas maiores a través do Consello Local.
Este estudo servirá de base para concretar as actuacións que se levarán a cabo atendendo a sete eixos: espazos e edificios públicos, transporte, vivenda, participación cidadá, lecer e tempo libre, saúde e envellecemento activo e comunicación e información.
A concreción, planificación e execución destas actuacións entraría xa na segunda fase do proxecto.
As posibles medidas a levar a cabo a través do "Senior Friendly" son moi variadas pero sempre pensando nas necesidades do colectivo de maiores. Poderán ir dende supresión de barreiras arquitectónicas en beirarrúas, edificios públicos e vivendas ata a colocación de asentos e aseos públicos en zonas transitadas por maiores e a xeneralización do transporte público accesible.
Co obxecto de garantir e favorecer a participación dos maiores na sociedade de xeito que, ademais de permitirlles levar unha vida máis activa, tamén se sintan útiles á sociedade nesta etapa da súa vida, poderanse recoller medidas de fomento do voluntariado social, cultural e medioambiental de maiores e o desenvolvemento de proxectos interxeneracionais como o de "Voluntariado nos camiños escolares seguros". Neste eido das relacións interxeneracionais tamén se prevé a promoción de comunitarias.
En materia de lecer e de envellecemento activo incluiríanse medidas como actividades culturais, obradoiros de teatro e de memoria, creación de grupos musicais, promoción de actividades deportivas específicas, excursións ou instalación de aparatos biosaudables.
Por último, e co ánimo de que os maiores non se queden "desconectados" das novas tecnoloxías das comunicacións e da información, tamén se recollerían talleres de alfabetización dixital, de uso de redes sociais e do teléfono móbil e mesmo de utilización da administración electrónica.
Como xa se dixo, as actuacións finais a desenvolver neste proxecto determinaranse tras a elaboración do estudo e en función das necesidades detectadas e dos fondos dispoñibles.
Xestión baseada na procura constante de novas vías de financiamento A participación no proxecto "Senior Friendly" encaixa na xestión que está a realizar o goberno local presidido por Alberto Varela co obxecto de conseguir fondos doutras administracións para poder desenvolver proxectos e actuacións que permitan o desenvolvemento, modernización e mellora da calidade de vida no noso municipio. Despois de que a Unión Europea aprobase o proxecto "Vilagarcía Avanza" e a través do que o Concello recibiu 5 millóns de euros dos fondos FEDER a investir nos próximos anos en actuacións de desenvolvemento urbano sostible, agora o Concello concorre ao financiamento europeo co "Senior Friendly".
Novas necesidades para garantir a calidade de vida dos maiores
As oportunidade que ofrece este proxecto son moi interesantes tendo en conta as características demográficas que apuntan a unha poboación cada vez máis envellecida e onde o colectivo de persoas maiores gaña peso de forma progresiva. Este aumento da esperanza de vida debe ir necesariamente acompañado por unha boa calidade vida, de aí que sexa necesario levar a cabo actuacións e desenvolver programas que atendan as necesidades e demandas desta nova realidade social. Os recursos dos concellos para atender estas e as demais necesidades do municipio son limitados, de aí a importancia de recorrer aos fondos europeos.