CONCELLO
O servizo municipal apura o arranxo das avarías no alumeado e semáforos provocados polas tormentas O intenso aparato eléctrico das tormentas rexistradas o xoves e venres Santo en Vilagarcía provocou numerosas avarías no alumeado público municipal e no sistema de regulación semafórica. O servizo municipal de Electricidade traballa xa no arranxo dos desperfectos no alumeado, tarefas que debido ao elevado número de luminarias queimadas, poderá prolongarse durante uns días. Os sistemas electrónicos dos 5 semáforos afectados deberán ser revisados e arranxados por técnicos dunha empresa especializada que se desprazarán mañá ata Vilagarcía.
02.03.2018.- Os efectos das tormentas eléctricas do xoves e venres deixáronse notar de forma especial no alumeado público, con instalacións totalmente queimadas como nas 17 luminarias da zona do Rial. Tamén sufriron estragos as farolas de zonas de Sobradelo, Vilaxoán, Rúa Xesteira e Vilaboa. Precisamente nesta última zona foi onde os operarios municipais comezaron a traballar quedando xa completamente subsanados os problemas. A reposición do servizo nos demais lugares farase de xeito progresivo durante as próximas xornadas posto que hai que revisar todos os cadros eléctricos do alumeado público destas zonas e, posteriormente, arranxar o cableado de cada farola afectada.
Ao igual que pasou co alumeado público, semáforos que tamén sufriron as consecuencias das subidas de tensión creada pola caída dos lóstregos foron principalmente os da zona sur do municipio: Vilaxoán, Sobradelo, o cruce do Piñeiriño e o de Vista Alegre, aínda que tamén se avariou o do cruce da Xalda, en Carril. Neste caso, e dado que os semáforos funcionan a base de complexos compoñentes electrónicos, os arranxos corren da man dunha empresa especializada de Vigo. O prazo de arranxo e posta en marcha da sinalización semafórica dependerá da gravidade dos danos nos circuítos e sistemas e da necesidades de repoñer pezas. En calquera caso, farase coa maior axilidade posible, tal como se requiriu dende o Concello. Mentres, e para advertir aos condutores, a Policía Local colocou sinais informativas de advertencia, para que reduzan a velocidade dos vehículos nos cruces máis frecuentados por peóns, como o de Vista Alegre/Seur e o de Sobradelo. En todo caso, prégase especial precaución, tanto por parte dos condutores como dos propios peóns.