PATRIMONIO
O Concello investirá 58.000 euros en obras para a conservación do edificio da antiga Aduana do Ramal O Concello de Vilagarcía ten previsto levar a cabo no edificio da antiga Aduana do Ramal varias obras de mantemento e conservación do inmoble que incluído no Catálogo de Bens a Protexer. Os traballos terán como finalidade acabar cos problemas de filtracións de auga do exterior e coas fugas das vellas instalacións de fontanería que están deteriorando o inmoble protexido polo seu interese histórico e arquitectónico. O proxecto prevé restaurar a estragada carpintería exterior as varandas de forxa. Para financiar a actuación, o Concello utilizará 58.360 euros dos fondos provinciais que lle corresponden a Vilagarcía no POS 2018/19.
04.04.2018.- O edificio do Ramal é de titularidade municipal aínda que dende hai anos o Concello comparte o seu uso coa Consellería de Benestar da Xunta de Galicia que dispón no inmoble de diversos servizos de carácter social e para as persoas maiores. De feito o inmoble funciona como centro socio comunitario.
Os traballos que proxecta levara acabo o Concello teñen como finalidade frear o deterioro do inmoble e mellorar as condicións de uso das persoas que traballan ou acoden aos servizos que alí se prestan, á vez que con elas se garantirá a conservación dun edificio incluído no patrimonio histórico e arquitectónico local. Trátase dun edificio singular, exemplo de arquitectura de ladrillo visto moi pouco frecuente en toda Galicia. Precisamente por iso, as obras proxectadas respectan por completo a estrutura, elementos e tipoloxía orixinaria do mesmo e a memoria remitirase á Dirección Xeral de Patrimonio da Xunta de Galicia para que emita a preceptiva autorización.
Para acabar coas filtracións de auga procedentes do exterior e que teñen a súa orixe nas cornixas dos muros, instalarse unha protección de chapa de zinc que facilite a evacuación de augas cara fora. Tamén se levantará o pavimento das terrazas do ático que se atopan an bastante mal estado e nas que medra vexetación que obstrúe a desaugadoiro. Instalarase unha lámina impermeabilizante e arranxaranse as baixantes.
As humidades presentes nos tabiques interiores do edificio resolveranse localizando e arranxando osos puntos de fugas das vellas tubaxes de auga e calefacción que discorren empotrados nas paredes. Reporanse as paredes afectadas e substituiranse os falsos teitos en mal estado.
Polo que respecta ao exterior do edificio, restaurarase a antiga carpintería exterior de madeira do ático, así como as varandas de ferro de balcóns deste mesmo andar.
A memoria desta actuación xa foi aprobada en Xunta de Goberno, órgano que tamén acordou solicitar a correspondente subvención á Deputación Provincial.