OBRAS E SERVIZOS
Xardíns inicia polo Parque da Compostela a campaña de limpeza do mobiliario de zonas verdes O servizo municipal de Xardíns iniciou esta semana a campaña de primavera de limpeza e posta a punto dos parques e zonas verdes do municipio. S traballos comezaron polo Parque da Praia da Compostela onde se están a acondicionar os corredores peonís e limpando os bancos de formigón e pedra que estaban moi castigados pola humidade e as persistentes chuvias deste inverno. Tamén se procederá á limpeza da balaustrada.
O persoal de Xardíns afánase estes días na retirada das herbas que medraron nos bordes que delimitan os sendeiros dispostos polo xardín da Compostela. No que ao mobiliario se refire, están a traballar con máquina de auga a presión para retirar o verdín e a piolla acumulada nos bancos de formigón tras a exposición a humidade invernal. Como consecuencia, as bancadas de formigón branco adquiriran unha cor negruzga que desaparece coa aplicación dos chorros de auga a presión.
Unha vez rematados os bancos, faranse unha actuación similar en todo o tramo da tradicional balaustrada que separa o parque do paseo marítimo e a praia, cuxa imaxe que tamén se veu bastante resentida polas inclemencias meteorolóxicas.
A execución desta posta a punto contribuirá que os parques e zonas verdes do municipio ofrezan unha boa imaxe de cara á mellora do tempo que se espera co avance da primavera e am chegada do verán, de xeito que os veciños e visitantes poidan gozar deles nas mellores condicións.
Unha vez rematados os traballos na Compostela, a campaña estenderase a outros xardíns do municipio.