CONCELLO
O concello relata a historia da Praza de Galicia a través dunha exposición ao aire libre Con motivo do remate das obras de humanización da Praza de Galicia e coincidindo coa apertura ao público deste espazo tras a súa reforma, o Concello de Vilagarcía organiza unha exposición na que se relata a historia e a evolución deste emblemático punto da cidade, dende as súas orixes, cando era unha marisma invadida pola auga, ata a actualidade. “Praza de Galicia: A aventura de construír un centro” é o título da mostra producida integramente polo Concello e que se poderá visitar a partir de mañá na propia Praza de Galicia.
01.06.2018.- A exposición fai un retrato histórico, urbanístico e mesmo sociolóxico da Praza de Galicia, posto que ao longo dos últimos séculos, non so sufriu importantes cambios na súa fisionomía -comezando polo secado e ocupación da marisma-, se non tamén de uso, en función dos cambios e a evolución da sociedade nas distintas épocas.
A mostra artéllase en 10 mupis e 20 paneis dispostos por orde cronolóxica e conformados por un cento de fotografías, planos, ilustracións e infografías acompañadas de reseñas históricas e explicativas.
Os contidos e deseños da exposición foron elaborados e deseñados pola Área de Comunicación Social que, para a materialización e montaxe da exposición contou coa colaboración do persoal do servizos municipais de Obras.