CONCELLO
Vilagarcía recupera o obelisco como elemento destacado na rotonda do Cavadelo O obelisco volverá a lucir moi pronto nun espazo público da cidade. O Concello de Vilagarcía recuperará este elemento do patrimonio local recente emprazándoo na rotonda do Cavadelo, de feito que presida o eixo onde se cruzan as rúas Conde Vallellano e Avenida da Mariña e sexa perfectamente visible dende puntos como a Praza de Galicia ou a Alameda.
09.06.2018.- Os traballos de acondicionamento da rotonda comezarán esta mesma semana coa desmontaxe da fonte- cuxos elementos se recolocarán noutro punto- e a construción da base sobre a que fixará o obelisco, que haberá que ir montando por pezas, tal como se atopa tras os traballos de limpeza da pedra levados a cabo na Escola de Canteiría da Deputación Provincial. Por último, instalaranse focos para iluminar o obelisco pola noite.
Para a elección do lugar no que emprazar o obelisco, tivéronse en conta aspectos como buscar un lugar céntrico, o encaixe coa configuración e estética actual do lugar, as proporcións e dimensionamento en canto ao entorno, e tamén a amplitude do espazo para permitir unha mellor percepción do elemento que se quere destacar. O obxectivo era que o obelisco non quedase afogado nun espazo de dimensión s reducidas ou por edificacións de moita maior envergadura para que puidese destacar sobre o entorno e ser visible dende distintos puntos.
A decisión foi consultada tamén con colectivos como “A Vilagarcía Antiga” que, en base aos criterios sinalados, coincidiron en que o emprazamento do Cavadelo é a mellor opción para que o obelisco teña un lugar principal e destacado no centro urbano no que ningún outro elemento ou edificación lle reste a importancia e visibilidade que merece.
Reseña histórica
O obelisco foi unha iniciativa do goberno republicano de Elpidio Villaverde. Aprobado o proxecto en 1931, a raíz dun convenio coa compañía eléctrica, as obras foron adxudicadas ao canteiro local Ramón Fontenla en maio de 1932 por importe de 4.500 pesetas. Foron recibidas o 6 de agosto dese mesmo ano. O seu primeiro empazamento foi a Praza da República (hoxe Praza de Galicia).
O 18 de xullo de 1938, para celebrar o segundo aniversario da morte de Calvo Sotelo, se lle instalou un busto do exministro de Facenda e tenente de alcalde honorario de Vilagarcía. Dende entón e ata 1960 a praza levou o nome de Calvo Sotelo, malia que os veciños a bautizaron popularmente como “do Obelisco”.
En 1968, a corporación de Victoriano Piñeiro decidiu trasladalo (abril de 1969) á praza de Santa Lucía, hoxe da Constitución, para substituílo por unha entón modernísima fonte luminosa (inaugurada o día do Carme de 1969). Foi entón cando o obelisco non só perdeu o busto de Calvo Sotelo, senón tamén o reloxo. Este non foi recuperado ata 2002 con motivo das obras de semi-peonalización da praza da Constitución. En 2015, o anterior goberno desmontou o obelisco para proceder a súa limpeza. Dende entón, permaneceu en depósito na Escola de Canteiros da Deputación de Pontevedra da que nos vindeiros días será devolto a Vilagarcía para a súa recolocación.