DEPORTE
Aberto o prazo para anotarse nos torneos de verán de tenis e bádminton A Fundación Municipal de Deportes de Vilagarcía ten aberta o prazo de inscrición para os torneos de tenis e bádminton que organiza cada verán. En ámbolos dous casos, os interesados en participar poderán anotarse nas dependencias da Fundación, sitas en Fexdega, ata o día 29 de xuño en horario de 9 a 14 horas, ou no complexo multideportivo de Fontecarmoa.
19.06.2018.- As dúas competicións celebraranse nos meses de xullo e agosto, a de tenis nas pistas de Fontecarmoa e o de bádminton en Fexdega. A inscrición é de balde e os formularios poden obterse a través do taboleiro de anuncios da web municipal http://www.vilagarcia.gal ou nas propias dependencias da Fundación.
O XVI Torneo de Tenis de Verán contará coas modalidades absolutas masculina e feminina. Haberá unha Categoría A para deportistas de entre 8 e 12 anos (nados entre os anos 2010 e 2006) e unha B parra tenistas de 13 a 17 anos (nados entre 2005 e 2001). No open poderán participar xogadores nados no ano 1967 e anteriores.
No II Torneo de Bádminton haberá unha categoría única para deportistas nados no ano 2000 e anteriores, que poderán participar na modalidade de parellas masculinas, femininas po mixtas. Os partidos terán lugar os venres dos meses de xullo e agosto.