CONCELLO
As comisións de festas de Carril piden a mediación do alcalde ante os “abusivos” requisitos de Portos de Galicia Os “abusivos” requisitos impostos por Portos de Galicia para permitir a celebración de eventos nos terreos do seu dominio fan perigar a celebración das festas do Apóstolo, de San Fidel, San Roque de Carril e o Ameixa Rock. Así o manifestaron os representantes das tres comisións na reunión que mantiveron esta mañá co alcalde, Alberto Varela, para informarlle da situación, expresar a fonda preocupación existente na localidade carrilexa e pedirlle que medie ante Portos para que o organismo flexibilice as duras normas. O rexedor solicitou hoxe mesmo unha entrevista co presidente do ente autonómico, José Juan Durán, a efectos de trasladarlle o exposto polos colectivos.
19.06.2018.- Intranquilidade e malestar é a palabra que define o estado dos organizadores destes tres importantes efectos de Carril porque, debido aos escasos orzamentos e medios cos que contan para organizar as súas festas, vense incapaces de cumprir todas as esixencias que Portos de Galicia puxo en vigor o pasado mes de outubro.
A maiores do farragoso procedemento que teñen que cumprir, entre a longa lista de requirimentos atópanse con que teñen que pagar a taxa de ocupación dos terreos portuarios nos que tradicionalmente se celebran estas festas e outros impedimentos loxísticos como o da prohibición de facer conexións eléctricas nas liñas de subministro desas zonas portuarias. Pero o que máis abusivo consideran os organizadores dos eventos, segundo lle informaron al rexedor, é a fianza que teñen que adiantar como garantía de posibles danos e que é unha suma mínima de 3.000 euros, da que carecen xa que todos os ingresos dos que dispoñen case non dan nin para cubrir as actividades das celebración, o seguro e os demais gastos.
A preocupación dos representantes das comisións súmase á da cidadanía en xeral que temen que debido a estas esixencias de Portos de Galicia, Carril poida perder as súas festas tradicionais e tamén o festival de rock, que pese a ser de recente creación, foi medrando en relevancia en cada edición e actúa como un importante elemento dinamizador e de atracción de público xoven e doutros municipios.
Dado o escaso marxe de tempo que queda para a celebración das festas –as do Apóstolo, San Fidel e Virxe de Cortegada son en pouco máis de un mes, San Roque en Agosto e o Ameixa Rock a principios de setembro- o alcalde de Vilagarcía, tratará de entrevistarse canto antes do presidente de Portos.