OBRAS E SERVIZOS
O Concello contrata un estudio topográfico para as obras de accesibilidade no cemiterio municipal O Concello de Vilagarcia segue avanzando os trámites previos necesarios para acometer a mellora da accesibilidade no Cemiterio Municipal de Rubiáns. Para poder concretar o proxecto que se está redactando, a administración local encargou a realización do levantamento topográfico do camposanto, medicións necesarias para concretar as actuacións a levar a cabo, tanto en materia de mobilidade como de recollida de pluviais.
08.08.2018.- A realización do estudio planimétrico e de altimetrías contratouse á empresa Oftefor CD por 907 euros e o proxecto redáctao o estudo Arquitectura Obradoiro Aberto SLP. O obxecto das obras será principalmente mellorar a accesibilidade do camposanto con actuacións como a construción de ramplas e acondicionamento do chan para mellorar a accesibilidade e tránsito das persoas que visitan as instalacións. Neste último punto tamén se pretende corrixir o problema de acumulación de augas que se da en algunhas zonas do cemiterio, polo que se incluirán medidas que melloren o drenaxe do chan. Ademais, neste mesmo proxecto estableceranse obras de mellora do sistema de recollida pluviais das partes superiores das liñas de nichos.
Unha vez rematado o proxecto, o Concello terá que remitilo a Patrimonio da Xunta de Galicia para que autorice a actuación. Mentres o organismo autonómico non resolve este aspecto, e unha vez se coñeza o importe económico das obras, o goberno local concretará as posibles liñas de financiamento que, dependendo da suma, poderá ser mediante fondos propios ou a través de liñas de subvencións doutras administracións.
A mellora da accesibilidade non é a única actuación que o Concello pretende levar a cabo no Cemiterio Municipal de Rubiáns. Tamén está previsto o arranxo da cuberta da capela que actualmente rexistra filtracións. Ademais, cómpre salientar que hai apenas unas semanas o Concello rematou a construción dunha nova liña de nichos cunha capacidade de 80 prazas e que supuxo un investimento de case 50.000 euros.