XUVENTUDE
A rapazada do Campamento Urbano de Verán interactúa cos maiores da residencia Divina Pastora Os nenos e nenas que participan no Campamento urbano de Verán da Concellería de Xuventude desenvolverán nos vindeiros días dúas actividades interxeracionais cos maiores da residencia Divina Pastora. Dende o ano pasado, a ludoteca municipal inclúe no seu programa actividades para interactuar coas persoas maiores, de xeito que estes melloren o seu plano emocional contaxiados da alegría e vitalidade dos nenos e os cativos se fagan unha idea máis positiva e menos estereotipada das persoas maiores.
22.08.2018.- A primeira actividade interxeracional terá lugar mañá na propia residencia. Será a Resi Olimpíada, a segunda edición dos xogos populares nos que participan equipos mixtos formados por cativos e maiores. Esta será a segunda edición das resi Olimpíadas que o ano pasado tiveron gran éxito e no que os equipos realizarán un circuíto de xogos como: bolos, canastra…etc. Nesta ocasión tamén se entregarán medallas, feitas con anterioridade polas nenas e nenos.
A segunda das actividades será un obradoiro no que, coa axuda dos máis cativos e cativas, os avós e avoas farán unha sinxela manualidade. Terá lugar o vindeiro mércores 29 de agosto, tamén no centro Divina Pastora.
Os monitores do Campamento Urbano de Verán sinalan que estas actividades interxeracionais son moi ben acollidas tanto polos nenos e nenas como polos maiores e teñen aspectos moi positivos en ambos colectivos, xa que os avós e avoas melloran no plano emocional: maior vitalidade, autoestima e habilidades sociais…, e á súa vez, os cativos fórmanse unha idea máis positiva e non estereotipada das persoas maiores, valorándoos como fonte de experiencia, de sabiduría, e mellorando tamén así as súas habilidades sociais.