OBRAS E SERVIZOS
O Concello destina parte dos fondos provinciais a obras de pluviais e mellora de camiños no rural O Concello de Vilagarcía aproveitará parte dos fondos resultantes das baixas aplicadas na adxudicación das obras financiadas polo Plan de Obras e Servizos (POS) da Deputación para realizar diversas actuacións no rural. A primeira medida neste sentido adoptouse onte, cando a Xunta local de Goberno acordou solicitar ao organismo provincial o reinvestimento de 24.618 euros para realizar unha obra de mellora da rede de pluviais en Trabanca Sardiñeira e o arranxo de muros de contención de camiños en Galáns e Eiviño.
17.09.2018.- A obra da rede de pluviais afectará á Rúa Loureiro, en Trabanca Sardiñeira, e ten como obxectivo canalizar axeitadamente a recollida de augas pluviais para evitar que estas escorreguen libremente e afecten ás vivendas e propiedades da rúa. Para esta actuación destínanse 12.840 euros dos sobrantes da contratación do plan provincial.
A segunda actuación a financiar deste xeito é a de mellora da seguridade de dous camiños. A obra consistirá no arranxo dos deteriorados muros de contención que delimitan un camiño na Rúa Galáns e outro en Monte Eiviño. A reparación ten un custe total de 21.000 euros, dos cales 11.778 financiaranse coas baixas do POS e o resto poraos o Concello con fondos propios.