MULLER
Igualdade imparte en outubro o obradoiro “Arte e Saúde” para mulleres en situación de vulnerabilidade A área de Igualdade do Concello de Vilagarcía organiza unha nova edición do obradoiro “Arte e Saúde”, dirixido a mulleres en situación de vulnerabilidade. Estas actividades enmárcanse no programa de sensibilización en igualdade e recuperación persoal que oferta o servizo para favorecer o autocoñecemento e autocoidado das súas usuarias. Trátase dunha actividade financiada polo Concello cunha subvención da Deputación Provincial de Pontevedra.
21.09.2018.- A terapia a través da arte é unha disciplina especializada en acompañar, facilitar e posibilitar un cambio significativo na persoa mediante a utilización de diversos medios artísticos. Utiliza a expresión artística como canal alternativo de comunicación e exteriorización de ideas e sentimentos, argumentando máis alá do terreo verbal.
O curso está dirixido a 15 mulleres. Desenvolverase entre o 8 de outubro e o 3 de decembro, ambos incluídos, e impartirase os luns e xoves entre as 10.00 e as 12.00 nos locais da Escola Obradoiro Municipal.
As mulleres que o desexen poderán inscribirse na área de Igualdade do 24 de setembro ao 4 de outubro. O formulario de inscrición está dispoñible no taboleiro de anuncios da páxina web municipal.