CONCELLO
A rúa Alejandro Cerecedo terá dobre sentido de circulación coa nova ordenación do tráfico no centro O Concello de Vilagarcía levará a cabo a principios de outubro unha reordenación do tráfico no centro urbano co obxectivo de aportar maior comodidade e fluidez na circulación rodada nestas zona. O eixo sobre que vertebra esta actuación é a rúa Alejandro Cerecedo, que pasará a contar con dobre sentido de circulación. Consecuentemente, tamén cambian de sentido Arcebispo Lago e Conde Vallellano e haberá cambios no percorrido do autobús urbano e na situación das paradas, que se achegan á Praza de Abastos.
22.09.2018.- O alcalde, Alberto Varela; o concelleiro de Tráfico, Juan Antonio Pérez e a concelleira de Mobilidade, Paola María, presentaron a reordenación do tráfico, acto ao que se sumou a presidenta de Zona Aberta, Rocío Louzan, cuxo colectivo apoia a medida que “considerabamos esencial”. Os cambios a levar a cabo tamén se expuxeron previamente ao colectivo dos Praceiros, taxistas e á empresa concesionaria do transporte urbano, e foron abordados cona Policía Local e a empresa concesionaria do servizo de recollida de lixo.
Co dobre sentido de circulación en Alejandro Cerecedo e Alexandre Bóveda favorecerase a entrada e saída da cidade dende Valle-Inclán a Doutor Tourón, Rodrigo de Mendoza, Avda. de Cambados e viceversa. Como consecuencia da posta en marcha dos dous carrís de circulación, cambiará a situación dos estacionamentos en Alejandro Cerecedo que contará con dúas zonas de estacionamento en liña, sempre á man dereita do condutor.
Para garantir a seguridade, tanto dos vehículos como dos peóns instalaranse un semáforos para a circulación no cruce entre Alejandro Cerecedo, Doutor Tourón e Fariña Ferreño. A medida tamén aportará fluidez do tráfico na entrada e saída de vehículos á cidade, favorecerá a incorporación a Alejandro Cerecedo con xiro á esquerda e a seguridade das persoas nun cruce con tres pasos de peóns.
Colocarase un segundo semáforo en Alejandro Cerecedo, en concreto no paso de peóns entre a Rúa Castelao e Vista Alegre, un lugar polo que o cruce de peóns é constante, situación que provocaba a retención de vehículos. Este semáforo será “de botón”, de feito que so se porá en verde para os peóns no momento en que haxa demanda e durante un tempo razoable tras o cal volverá a dar paso aos vehículos.
Coa nova regulación, e dado que Alejandro Cerecedo terá tamén sentido de entrada ao centro, as rúas Arcebispo Lago e Conde de Vallellano, cambian de sentido co que os vehículos circularán por diante da Praza de Galicia para saír cara ao Cavadelo. As prazas de aparcamento en Conde Vallellano pasarán a configurarse en batería, co que se gañan algunhas respecto ao número actual e compénsanse as que se perden en Alejandro Cerecedo.
Os cambios de tráfico implican tamén modificación nas actuais paradas de autobús. O actual punto xunto ao edificio Gallego (onde a pastelería), achégase máis á zona da Praza de Abastos, situándose no entrante que hai na fachada do edificio da Sindical, ao remate de Alexandre Boveda e inicio de Alejandro Cerecedo. Paralelamente, créase outra parada en Alexandre Bóveda, xusto fronte a Praza de Abastos. Estas parada non funcionarán nos días e horarios de mercado (martes e sábados pola mañá), cando o autobús saíra do Cavadelo por Valle Inclán.
Os días de mercado, no que Alexandre Bóveda está totalmente ocupada polos postos dos vendedores ambulantes, establécese unha ruta alternativa. Como ata o de agora, esta rúa permanecerá pechada ata as 17:00 horas, polo que, mentres non se abre de novo, a circulación será obrigatoria por Arcebispo Lago e Conde Vallellano cara O Cavadelo. Esta situación se dará normalmente en martes e sábados; aínda que existen casos excepcionais: cando os días establecidos coinciden con festivo e se adianta o mercado ao día anterior.
Outro dos cambios propiciados pola nova ordenación do tráfico no centro é o do percorrido do autobús a Vilaxoán. Para favorecer o transporte público ata e dende a praza de abastos, o bus sairá do Cavadelo e pasará por Doutor Carús para incorporarse a Alexandre Bóveda (praza de abastos) e Alejandro Cerecedo para dirixirse a Vilaxoán por Doutor Tourón. Os días de mercado, como execepción, o autobús sairá do Cavadelo cara Vilaxoán por Valle-Inclán, baixando para recoller aos pasaxeiros do Piñeiriño e A Lomba e continuar posteriormente cara Vilaxoán.
Campaña informativa
Para informar convenientemente da nova reordenación do tráfico, o Concello distribuirá a partir desta semana folletos informativos que se enviarán a cada dos vilagarciáns. A previsión é que os traballos de pintado e instalación de semáforos comecen a primeira semana de outubro e a entrada en funcionamento dos cambios sexa poucos días despois.