AVISOS
O acceso de vehículos ata a Escola Infantil péchase temporalmente pola reforma de Matosinhos O Concello de Vilagarcía informa que o acceso de vehículos ata a Escola Infantil Municipal da Lomba pecharase a partir de mañá con motivo das obras de accesibilidade e reforma estética da contorna de Matosinhos. Os traballos centraranse no espazo comprendido ente o lateral da gardería e a parte posterior dos edificios con fachada a Doutor Tourón, xusto por onde discorre a canalización soterrada do regato. Aínda que os coches non poderán acceder a esta zona, si se manterá aberto e perfectamente delimitado un paso para que os peóns poidan transitar con seguridade cara os centros escolares da Lomba.
25.09.2018.- Durante a semana pasada, os operarios da empresa adxudicataria, ademais de reunirse cos responsables da Escola Infantil para informar sobre o plan de desenvolvemento dos traballos, estiveron realizando as catas e medicións previas, valando e sinalizando os tramos nos que se irá actuando, ademais de facer acopio de todos os materiais necesarios para acometer a obra dun tirón, especialmente no que se refire ás tuberías, posto que o proxecto inclúe a completa renovación e o adecuado dimensionamento nas redes de abastecemento de auga, saneamento e recollida de pluviais.
Rematada a actuación no subsolo, irase procedendo ao acondicionamento en superficie, onde se eliminarán barreiras arquitectónicas e se mellorará a estética deste degradado espazo no que non se actuaba con obras de importancia dende hai varias décadas. As obras desenvolveranse por tramos para causar as menores molestias posibles aos viandantes e veciños, polo que tan pronto se remate esta primeira zona, pasarase de inmediato a traballar na seguinte, ata completar o proxecto.
Nesta primeira fase da reforma da contorna do Parque de Matosinhos o Concello inviste 219.685 euros de fondos propios.