MEDIO AMBIENTE
Vilagarcía gaña o “reto solidario” da reciclaxe que premia a Cáritas con 2.000 euros O Concello de Vilagarcía superou o “reto solidario” proposto no mes de maio pola Consellería de Medio Ambiente e Ecoembes para mellorar as cifras da recollida selectiva no municipio. Tal como propoñía o concurso no que participaron 15 municipios de Galicia, Vilagarcía logrou incrementar nun 10% o volume de residuos depositados nos contedores amarelos para a súa posterior reciclaxe. Grazas a isto, o Concello recibirá unha suma de 2.000 euros que se doarán Cáritas Interparroquial de Arousa, seguindo o espírito solidario do concurso “Recicla, Respira e Supérate”.
02.10.2018.- Esta campaña levouse a cabo nos meses de maio, xuño e xullo en Vilagarcía e nos outros 14 municipios de Galicia que aceptaron o reto e nos que se desenvolveron diversas accións promocionais. A iniciativa tiña un dobre obxectivo: promover a reciclaxe e tamén a solidariedade. No primeiro dos puntos buscábase mellorar as cifras municipais de reciclado do contedor amarelo (no que se depositan bricks, latas e plásticos). Si este incremento acadaba ou superaba o 10% respecto ao mesmo período do ano anterior, premiaríase o esforzo dos veciños con 2.000 euros en metálico para doar a unha causa social, cumprindo deste xeito o segundo dos obxectivos.
O Concello de Vilagarcía decidiu que fora Cáritas Interparroquiald e Arousa a entidade beneficiaria do premio en caso de superar o reto, posto que ambas institucións colaboran xa dende hai uns anos na iniciativa medioambiental e de emprego “Arroupa” que leva a cabo Cáritas. Este programa consiste na recollida de roupa para o seu arranxo o conversión e tecidos que, posteriormente se venden en tendas. O concelleiro de Medio Ambiente, Lino Mouriño acudirá o venres, 5 de outubro a Santiago, para participar no acto de entrega dos galardóns aos concellos que superaron o reto solidario.