TERCEIRA IDADE
Persoas Maiores organiza unha viaxe de catro días para coñecer Salamanca e a súa contorna A Concellería de Persoas Maiores, que dirixe Tania García, organiza no mes de novembro unha viaxe de cinco días (catro noites de hotel) á cidade de Salamanca e municipios da súa contorna. O prezo, que inclúe viaxe, seguro e pensión completa, ten un custe de 209,91 euros en habitación dobre e de 277,91 euros no caso de individual. As prazas dispoñibles son 55, que serán cubertas por rigorosa orde de inscrición. O prazo para apuntarse ábrese mañá, 9 de outubro, e remata o día 31. A excursión celebrarase do 7 ao 11 de novembro, ambos incluídos.
08.10.2018.- Os desprazamentos da viaxe realizaranse en autobús e os excursionistas aloxaranse as catro noites no Hotel Emperatriz (3 estrelas) de Salamanca. O programa inclúe a visita á cidade de Salamanca e a Cidade Rodrigo. Os participantes tamén se desprazarán ata Alba de Tormes para coñecer o Castelo dos Duques de Alba e a Basílica de Santa Teresa. O roteiro inclúe unha parada na pintoresca localidade de A Alberca, sita na serra de Francia e, o día de regreso a Vilagarcía, farase unha parada en Pobla de Sanabria.
Esta viaxe está dirixida a persoas maiores (pensionistas ou maiores de 65 anos) empadroados en Vilagarcía. Este tipo de excursións de varios días forman parte do programa estable de actividades que organiza a Concellería co obxecto de que os maiores dispoñan dunha oferta lúdico-cultural atractiva e que lles permita relacionarse e socializar con persoas da súa franxa de idade.