CONCELLO
O concello pide a fomento que autorice unha parada de bus na N-640 á altura do Altamira O Concello de Vilagarcía solicitou ao Ministerio de Fomento autorización para crear unha parada de autobús na estrada N640 á altura do restaurante Altamira. A medida é unha demanda dos usuarios da liña da empresa Núñez Barros que une Vilagarcía con Pontevedra e debe ser autorizada polo Ministerio por afectar a unha estrada de titularidade estatal. Mentres se espera a resposta de Madrid, o Concello procederá a mellorar a sinalización da parada que xa existe na marxe contraria do vial.
13.10.2018.- A Xunta Local de Goberno acordou na última reunión dirixirse a Fomento para solicitar a demanda que a propia empresa Núñez Barros fixo chegar ao Concello. Segundo o informe realizado pola Policía Local, o mellor emprazamento posible para emprazar a parada, atendendo a criterios de seguridade da circulación e dos pasaxeiros, sería no tramo comprendido entre o restaurante Altamira e a Rúa Ande. Unha vez autorizada, a idea é indicar convenientemente o punto con sinalización horizontal e vertical e instalar unha marquesiña na que os viaxeiros poidan esperar protexidos a chegada do transporte colectivo.