ECONOMÍA
O goberno de Varela conseguiu rebaixar a débeda municipal nun 56% en só tres exercicios Nos tres exercicios económicos que ata agora lle tocou xestionar ao actual goberno, a débeda municipal reduciuse nun 55,65%, un dato suficientemente suxestivo pero que aínda podería ser maior cando se liquide o presuposto de 2018. A día de hoxe, o nivel de endebedamento do Concello é do 21,01%, mentres que en 2015 era do 47,4.
17.10.2018.- Sendo esta última unha boa cifra tendo en conta que a lei marca o límite do 75% para contratar libremente operación de préstamo, é evidente que o 21,01% non só garante esa independencia senón que demostra, por unha banda, a boa saúde económica e financeira do Concello e, por outra, a correcta xestión dos recursos públicos que vén realizando o equipo de Alberto Varela e especialmente a concelleira de Facenda, Luz Abalo.
Cando Varela accedeu á Alcaldía, en xuño de 2015, a débeda viva do presuposto corrente era de 12.504.000 euros; a día de hoxe esa cifra reduciuse ata os 5.642.489 euros. “Esta evolución é a demostración de que non só é posible, senón necesario, saber conxugar a contención da presión fiscal sobre os cidadáns cunha correcta xestión da recadación, o que permite seguir reducindo a débeda e incrementando os investimentos. E todo iso se traduce non só nunha mellor saúde económica do Concello, senón nunha mellor calidade de vida para os cidadáns”, valorou o alcalde.
No vindeiro pleno, o xoves 25, o goberno local dará conta do superávit final do exercicio de 2017, que foi de 1.947.000 euros. Das distintas posibilidades que a día de hoxe ofrece a lei para xestionar os superávits, o equipo de Varela estima que o correcto é destinar 1.251.793 euros á redución de débeda e o resto, 695.843, a investimentos financeiros sostibles, é dicir, obras ou servizos que haberá que determinar, aínda que o goberno local pretende que sexa a proxectos que xa están hoxe en marcha.