ECONOMÍA
Castes consigue reunir na súa segunda reunión a 48 bodegas de catro países O que comezou o ano pasado como unha “microfeira” do viño será dende agora unha feira independente do viño. Castes 2018 se celebrará o 25 de novembro na praza de abastos. E con dúas importantes novidades: por unha banda, acollerá o primeiro campionato de España de cata por equipos; e, por outra, ofrecerá a posibilidade de participar nun túnel do viño con 48 bodegas de catro países.
22.10.2018. O organizador do evento, Sito Dieste, propietario do espazo gastronómico Derby, explicou que o salto de calidade da primeira á segunda edición foi posible pola aposta que os propios viticultores e bodegueiros fan por Castes, un lugar de encontro para profesionais e afeccionados á vitivinicultura que poderán intercambiar experiencias e coñecer mellor o traballo que está a realizar fóra dos circuítos máis comerciais. Son pequenos produtores moi ligados á súa terra pero moi recoñecidos dentro e fóra de Galicia e España. De feito, en Castes haberá tamén presenza de viños de Francia, Italia e Portugal.
O evento se desenvolverá o día 25 de novembro, domingo, en horario de mañá e tarde. Pola mañá se celebrará o campionato de cata, que poderá ser seguido en directo polo público e a través da web http://www.castes.es . O prezo das entradas é de 18 euros, que poden ser adquiridas a través de Ticketea. O aforo está limitado a mil persoas.
Na presentación de Castes 2018 participaron tamén os patrocinadores e colaboradores privados, o grupo automobilístico Vepersa e a asociación de comerciantes da praza de Abastos, e o patrocinador institucional, o Concello. O alcalde, Alberto Varela, non dubidou en felicitar a Sito Dieste non só pola idea, que pon a Vilagarcía no mapa enolóxico e axuda a reivindicar a súa pertenza á D.O. Rías Baixas, senón por ser quen de colaborar cos praceiros na posta en valor dun edificio no que se está a facer un importante esforzo inversor.
Os interesados en coñecer todas as actividades previstas en Castes 2018 e mesmo adquirir as entradas teñen toda a información en http://www.castes.es .