OBRAS E SERVIZOS
A Deputación aproba o financiamento para restaurar as varandas de malla da ponte de Vista Alegre A Deputación Provincial de Pontevedra comunicou ao Concello de Vilagarcía a concesión, a través do POS 2018/19, da subvención de 13.975 euros para financiar a restauración das varandas de malla da Ponte de Vista Alegre. Unha vez aprobado o financiamento, e dado que a actuación dispón xa do permiso de Patrimonio, o servizo municipal de Contratación redactará os pregos para sacar a obra a licitación. A restauración das varandas tradicionais de Vista Alegre é a terceira e última fase do proxecto integral de renovación das varandas protectoras que o Concello levará a cabo dende a ponte de Doutor Tourón ata a desembocadura do Con.
29.10.2018.- A actuación a levar a cabo na Ponte de Vista Alegre e na baixada cara ao Parque da Xunqueira manterá a tipoloxía da rede de malla característica da ponte integrada do conxunto monumental. Restauraranse os elementos en mellor estado, que son os que forman a estrutura existente de fundición (pés, pasamáns e barra inferior). A rede de malla terá que substituírse xa que se atopa en moi mal estado e aos diferentes materiais utilizados en reparacións ao longo dos anos. A idea á manter a tipoloxía de celosía pero utilizando aceiro cortén, material máis resistente e que irá acorde co resto das varandas a instalar na Xunqueira e en García de Caamaño.
Precisamente, a renovación das varandas do parque da Xunqueira comezará a mediados de novembro, despois de que a empresa adxudicataria, Zona de Obra o Rosal, realizase os moldes e as probas previas pertinentes. A través desta primeira actuación, presupostada en 99.999 euros, substituiranse as varandas do río do Con no tramo do Parque da Xunqueira ata Doutor Tourón e tamén as do estanque. Este proxecto tamén se financia con cargo aos fondos provinciais, neste caso do POS 2017.
A última fase, a do paseo García de Caamaño (detrás da Praza de Abastos) atópase en fase de presentación de ofertas, polo que se adxudicará proximamente. Ademais de unificar a imaxe en toda a contorna da zona monumental de Vista Alegre, con esta actuación en concreto mellorarase a seguridade, dado que os actuais posamáns do último tramo do leito fluvial están bastante deteriorados. O proxecto tamén inclúe a mellora da iluminación na zona verde situada na desembocadura do río, concretamente no “triángulo”, e a plantación de árbores ao longo da marxe do Con.