CONCELLO
A Deputación confirma a subvención para financiar parte humanización da Rúa Vázquez Leis A Xunta Local de Goberno tomou coñecemento da resolución remitida pola Deputación provincial de Pontevedra confirmando a concesión dunha subvención de 150.000 euros con cargo ao Plan de obras e Servizos 2018/19 para financiar parte da obra de Humanización da Rúa Vázquez Leis, en Vilaxoán. O proxecto ten un custe total de 287.980 euros, polo que a suma restante asumirase a través dos fondos FEDER concedidos para o programa “Vilagarcía Avanza”, como xa estaba previsto. Unha vez confirmada a subvención, o Concello procederá nos próximos días a sacar a obra a licitación coa idea de que os traballos comecen a principios de ano.
O proxecto de humanización da rúa Vázquez Leis ten como obxectivo mellorar os servizos, a accesibilidade, a seguridade viaria e a estética da que é a principal arteria de Vilaxoán, a que une a Avenida de Vilanova coa zona do porto. Esta actuación afectará a o tramo da rúa comprendido entre a avenida de Vilanova e a Praza Rafael Pazos.
A idea é deixar toda a rúa a un mesmo nivel, diferenciando a zona peonil da de tránsito de vehículos mediante diferentes pavimentos. Na zona de rodadura usarase formigón branco cepillado, e as beirarrúas cubriranse con lousas de pedra (granito silvestre), similar ás existente na praza.
Suprimiranse todas as barreiras arquitectónicas e acondicionarase a prazoleta intermedia, creando unha pequena zona verde con céspede e arbustos de baixo porte na que se instalarán bancos de formigón con respaldo de madeira. Como en todas as obras que promove o actual goberno, o proxecto prevé a renovación das redes de saneamento e abastecemento de auga, prestando especial atención á canalización da recollida de pluviais dos edificios, que hoxe desauga directamente sobre a beirarrúa e que, tras as obras, farano directamente á rede soterrada.
Do mesmo xeito, soterraranse as canalización eléctricas, de teléfono e telecomunicacións, e substituirase o actual alumeado público por outro máis eficiente, de tecnoloxía LED e con interruptor astronómico.