CONCELLO
O goberno propón o cambio de finalidade de partidas sobrantes para a compra da casa de Doutor Tourón O goberno local de Vilagarcía pretende financiar a adquisición da Casa de Doutor Tourón embargada polo Plan Nacional Contra as Drogas con cargo ao orzamento deste ano. A medida será posible mediante a suma de sobrantes de diferentes proxectos e partidas, para o cal a Corporación Municipal deberá aprobar na sesión da semana que ven a modificación de crédito e cambio de finalidade dos 170.047 euros cos que o Concello incorporará ao patrimonio público a emblemática edificación á que se lle pretende dar un uso social relacionado coas persoas maiores.
21.11.2018.- Como xa se anunciara no seu día, o Plan Nacional Sobre Drogas aceptou a proposta realizada polo alcalde, Alberto Varela, de retirar este inmoble da subhasta de bens incautados en operacións relacionadas co narcotráfico co obxecto de venderlla directamente ao Concello de Vilagarcía. Tamén se aceptou asinar a compra polo prezo de saída fixado inicialmente para a subhasta, pese a que estar por debaixo da taxación real do inmoble, dado que o comprados é unha administración pública e o edificio vai a ter un uso público e social.
A propiedade,coñecida como a Casa Jaureguízar, sitúase no centro de Vilagarcía, na esquina das rúas Doutor Tourón en Fariña Ferreño. A finca ten unha superficie total uns 700 metros cadrados e a cada, propiamente dita, duns 500 divididos en dúas plantas e baixo cuberta.
A suma total da modificación de crédito que se tratará no Pleno do xoves, 29 de novembro, ronda os 180.000 euros xa que,a demais da compra da vivenda, a suma restante destinarase ao pago de mobiliario e de vinilos para as cristaleiras da Praza de Abastos.