CONCELLO
O estudio do paseo de Valle Inclán-Víctor Pita prevé 6 metros de senda peonil e 3,5 de carril-bici O Concello de Vilagarcía dispón xa do deseño para ordenar o litoral entre a depuradora de Ferrazo e praia de Canelas si a nova regulación do tráfico posta en marcha hoxe funciona. A proposta do arquitecto Alexandre Mouriño, especializado en mobilidade, pasa por converter o actual vial -de 12,1 metros de ancho, dos que 10 son calzada para vehículos e só 2,1beirarrúas- nun novo corredor no que o peón e o ciclista sexan os protagonistas. Formúlase como un balcón á ría de máis de 300 metros de largo, seguro e sen ningún tipo de obstáculo.
29.11.2018.- Con esta proposta, condicionada ao resultado do carril único con circulación bidireccional alterna, o goberno local busca aportar maior seguridade viaria a través desta medida de calmado de tráfico, pero tamén lograr que existan as mesmas facilidades para chegar a Vilaxoán andando ou en bici que xa hai na actualidade para desprazarse a O Carril de xeito seguro a través do paseo marítimo. Como a actual normativa de Costas impide “voar” o paseo sobre o mar buscouse unha posible alternativa, que é a que asina o estudio de arquitectura AM2, especializada en mobilidade.
Segundo este deseño, a actual beirarrúa pegada ao muro da depuradora desaparecería. Deste xeito, os 12,1 metros da calzada distribuiríanse de xeito que se habilitaría pegado ao mar un paseo para peóns de 6 metros de ancho; a continuación iría un carril bici de dobre dirección e de 2,5 metros de ancho; e, por fin, unha calzada de 3,60 metros para vehículos, tamén bidireccional e con circulación alterna regulada por semáforos.
O goberno municipal estima que esta proposta resolvería os obxectivos que busca: contribuiría ao calmado do tráfico nunha zona onde xa se produciron accidentes, algúns moi graves; melloraría a seguridade de condutores e peóns; permitiría dar continuidade ao carril-bici e o paseo que han de unir, seguindo a liña de costa, Carril con Vilagarcía e Vilaxoán, este último actualmente illado nese sentido; e, sen dúbida, sería un paso moi importante para rexenerar un litoral moi castigado polos constantes recheos do porto ao longo dos anos. De feito, no seu anteproxecto, o arquitecto especialista en mobilidade destaca que ese último tramo de Valle Inclán é “un dos puntos de maior interese paisaxístico do litoral vilagarcián pola carencia de barreiras tanto físicas coma visuais co mar”. As obras terían un presuposto aproximado de 240.000 euros e un prazo de execución moi curto.
Na súa proposta, o arquitecto propón crear unha bancada ao longo dos 300 metros de percorrido, separando cada elemento por sorbus, unha especie de árbore caduco, complementados con vexetación de baixo porte en cada un dos parterres. As bancadas servirán tamén de separación e protección entre o paseo peonil propiamente dito e o carril- bici e a calzada para vehículos. Tanto o paseo como a calzada serían de formigón fratasado –como o dos arredores da praza de abastos ou o acceso aos baixos do auditorio- mentres que o carril-bici sería de slurry con base epóxica, similar ao que xa se vén utilizando no resto dos tramos de carrís-bici do Concello e o Porto. As luminarias pasarían para a zona das bancadas, fronte á situación actual, en que están situadas xunto ao muro que pecha a depuradora. Cabe destacar, neste sentido, que tanto as farolas como as bancadas serían expresamente deseñadas para este proxecto, coa intención de que eses mesmos modelos se apliquen no futuro en novas actuacións sobre o litoral vilagarcián.
En calquera caso, esta é a proposta de ordenación desta zona litoral baseada na realidade, tanto urbana como lexislativa, e no convencemento de que só será posible se os cambios do tráfico que agora se van probar realmente son viables. Se non se proba in situ, dificilmente se poderá saber se efectivamente funcionan para lograr os obxectivos propostos.