CONCELLO
Concello e Deputación asinan o convenio para mellorar a accesibilidade e seguridade viaria na contorna de Fexdega O alcalde, Alberto Varela, desprazouse esta mañá a Pontevedra para asinar o convenio de colaboración coa Deputación Provincial de Pontevedra que, a través do programa DepoRempse, permitirá investir 386.683 euros na mellora da accesibilidade e seguridade viaria nas rúas da contorna do pavillón multiusos de Fexdega. As obras previstas incidirán de xeito moi positivo no tráfico rodado e tamén na seguridade dos peóns nas rúas Limoeiro, Nogueira e Filgueira, ao tratarse de vías moi frecuentadas por bordear un centro de gran atracción de público como é Fexdega, lugar onde se celebran feiras, concertos, eventos de todo tipo e tamén a actividade deportiva diaria de clubs e da propia Fundación Municipal.
03.12.2018.- A través do convenio asinado hoxe nas dependencias provinciais, a Deputación comprométese a financiar o proxecto cunha subvención de 309.346 euros á que o Concello sumará os 77.336 euros restantes para completar o custe do proxecto. As obras levaranse a cabo nas rúas que unen a avenida de Rodrigo de Mendoza á altura do enlace coas Bocas, ata a avenida de Agustín Romero, practicamente fronte á sede de Protección Civil; é dicir, bordeando Fexdega.
Basicamente, o proxecto consiste en consolidar un ancho fixo de 5 metros para o vial, deixando o resto para beirarrúas, que nun caso se crearán, noutros se ampliarán e noutros se mellorarán. Igualmente, se renovarán todos os servizos, o que implica actuar sobre as canalizacións de electricidade, auga potable, augas residuais, etcétera. Tamén se mellorará a sinalización horizontal e vertical, o que inclúe pasos de peóns. Para facilitar o acceso á avenida de Agustín Romero prevese a demolición dun pequeno galpón ao final da rúa Limoeiro, facilitando con iso a visibilidade, nunha saída que, aínda que está regulada por semáforo, prodúcese nunha curva e a escasos metros doutro cruce.