CONCELLO
A Concellería promove novas actuacións para continuar mellorando a xestión dos residuos no Punto Limpo No marco das accións que leva a cabo Concello de Vilagarcía para unha axeitada xestión dos residuos, a Concellería de Medio Ambiente ten programadas novas actuacións para continuar mellorando o funcionamento do Punto Limpo. O Concello inviste 16.500 euros nos traballos de separación dos entullos depositados nos últimos meses nas instalacións de Pinar do Rei e, a través dun programa da Deputación de Pontevedra, acometeranse diversas actuacións tendentes a ampliar e facer máis cómoda e eficaz a recollida de aparatos eléctricos, electrónicos e electrodomésticos, os denominados RAEES.
12.12.2018.- O Concello xa contratou os traballos de separación de materiais de entullo que se van acumulando cada certo tempo nas instalacións froito do depósito que van facendo particulares e tamén dalgunha obra municipal. Este tipo de actuación lévase a cabo de xeito periódica e consiste na selección e separación de terra dos restos de madeira e dos entullos propiamente ditos. Deste xeito, redúcese o volume de residuos a tratar (ao quitarlle o único elemento natural que non precisa tratamento, a terra) e facilítase a correcta xestión dos residuos restantes: madeira por un lado e entullos polo outro. Estes tritúranse e reutilízanse nun caso como astelas ou barutas para mesturar en procesos de compostaxe e no outro en forma de grava para material de recheo de baches. Os traballos foron adxudicados á firma Medio Ambiente Caamaño e xa se están realizando.
Por outra banda, Vilagarcía é un dos nove municipios da provincia que participan no programa medioambiental da Deputación para mellorar a xestión dos RAEES. Os técnicos do organismo provincial xa visitaron as instalacións de Pinar do Rei para inspeccionar o servizo e determinar as actuacións que se poden levar a cabo para optimizar este servizo. Nos vindeiros meses presentarán ao Concello o proxecto definitivo e concretaras e o investimento a realizar.
Dado que o Concello acometeu hai ano e medio unha remodelación importante das instalacións destinadas á mellorar xestión específica destes residuos, a impresión dos técnicos tras a visita apunta a que so sería preciso realizar pequenas melloras, tales como instalar tapas nas tolvas , algún letreiro ou dotar áo servizo de material de pesaxe. Non obstante, as actuacións concretas e o orzamento das mesmas especificaranse no proxecto que se está redactando. O custe da súa execución asumirao a Deputación.
60.000 euros. investidos en 2017
O Concello de Vilagarcía investiu 60.000 euros nos traballos executados a principios de 2017 no Punto Limpo para mellorar o funcionamento do servizo. As obras consistiron na construción de 4 novas tolvas (que se suman ás 5 existentes inicialmente) que proporcionan maior capacidade de almacenamento e unha separación máis minuciosa dos residuos. As novas tolvas situáronse na parte posterior ás cinco existentes e para dar acceso ás mesmas aos vehículos de depósito e de recollida. Tamén se acondicionou a explanada posterior mediante a execución dunha nova soleira e se construíu unha rede de drenaxe para garantir que os restos líquidos procedentes dos residuos nos decanten directamente na terra.
Estas obras acometéronse para paliar a grave situación de abandono e desorde na que o executivo socialista atopou o Punto Limpo ao acceder ao poder. Dende entón, e de forma periódica, continúan realizándose traballos de mellora e mantemento para garantir o correcto funcionamento deste servizo
Servizo Gratuíto para os vilagarciáns
Vilagarcía é un dos escasos concellos no que a utilización do Punto Limpo é completamente de balde para os seus veciños. Con isto preténdese potenciar os eu uso por parte da cidadanía, de xeito que non acudan ao servizo a depositar os residuos dos que non se poden desprender a través da recollida doméstica habitual. O Punto Límpo so o poden utilizar particulares, nunca negocios ou empresas que, por lei, teñen que ter contratada a xestión dos residuos que xera a súa actividade.