CULTURA
Cultura compensará con 300 euros ás comparsas que participen no certame e no desfile de carrozas A Concellería de Cultura abre este venres, 8 de febreiro, o prazo de inscrición no certame de Comparsas do Domingo de Entroido. Como en edicións anteriores, o evento musical non ten carácter competitivo, polo que cada unha das agrupacións participantes recibirán 300 euros pola súa actuación. O departamento que dirixe Sonia Outón tamén ofrece ás comparsas a posibilidade de tomar parte no desfile de disfraces do Martes de Carnaval como animación musical, polo cal tamén se lles compensará con 300 euros.
06.02.2019.- A Xunta Local de Goberno aprobou esta semana as bases que rexerán o Certame de Comparsas a celebrar no Auditorio o domingo, 3 de marzo, pola tarde. Como se ven facendo dende hai uns anos, poderán participar no evento un máximo de 10 agrupacións. No caso de que as inscricións superen este número, a selección realizarase por orde de inscrición e con preferencia para as comparsas da localidade.
As chirigotas deben contar con 20 integrantes como mínimo e ofrecer unha actuación de entre 10 e 15 minutos con coplas en galego cuxas letras deberán entregar á organización no momento da inscrición. No caso de querer participar tamén no Desfile de Disfraces, deberán facelo constar na mesma inscrición. O formulario, ao igual que as bases completas do certame, pódese consultar e imprimir dende o taboleiro de anuncios da web municipal http://www.vilagarcia.gal . Tamén están dispoñibles na Concellería de Cultura, sita no Auditorio.
As comparsas dispoñen do prazo dunha semana (do 8 ao 15 de febreiro) para inscribirse nas dependencias de Cultura, de luns a venres e en horario de 9 a 13.30 horas.