TRÁFICO
Os semáforos de Doutor Tourón, Rodrigo de Mendoza e Bamio poranse en funcionamento o venres A nova regulación semafórica na contorna da Glorieta da Mariña Española e na estrada de Bamio porase en marcha o venres. Os equipos instalados nos paso de peóns de Doutor Tourón (á altura da cafetería Bella Arosa) como no primeiro da avenida Rodrigo de Mendoza instaláronse para proporcionar maior seguridade aos peóns e para favorecer a fluidez do tráfico neste un neurálxico da rede viaria municipal. No caso de Bamio trátase dunha medida basicamente se de seguridade viaria que os veciños levaban anos demandando.
13.02.2019.- Tras realizar as conexións á rede de subministro eléctrico, técnicos do Concello, xunto cos da empresa que instalou os equipos, realizarán entre hoxe e mañá as probas de funcionamento previas ao prendido definitivo. Tamén mañá está previsto que se leve a cabo o pintado do paso de peóns de Rodrigo de Mendoza que se desprazou uns metros para facelo coincidir co corredor peonil que atravesa a zona verde das palmeiras cara a outra rúa.
Estes dous semáforos están dotados co sistema de aviso sonoro para invidentes que se activa a través do teléfono móbil vía bluetooth. A medida garante a seguridade das persoas cegas á hora de atravesar unha vía e evita as molestias que sofren os veciños como consecuencia dos semáforos convencionais que soan de forma constante, día e noite, cada vez que se poñen en verde para os peóns. O sistema de alerta por bluetooth xa está operativo no semáforo de Castelao (Alejandro Cerecedo).
A regulación semafórica do paso de peóns do Salgueiral-Bamio resolverá un problema de inseguridade viaria nun punto complicado polo que atravesan moitos peóns debido a que alí se empraza a parada do transporte escolar e se atopa o centro de Formación Marítima. Os veciños levaban anos demandando a medida que o actual goberno trasladou á Xunta de Galicia, titular da vía. A administración autonómica alegou falta de orzamento para levar a cabo a actuación. Pese a non ser competencia nin responsabilidade do Concello, por tratarse dunha medida de seguridade para os veciños, o executivo que preside Alberto Varela decidiu asumir o custe íntegro da compra de material e instalación dos semáforos, si a Xunta daba os permisos. O Concello investiu 18.000 euros na actuación. Este equipo tamén ten aviso acústico, aínda que o sistema é convencional.