ECONOMÍA
O delegado de Zona Franca visita o concello para analizar co alcalde os posibles investimentos a realizar en Vilagarcía O Consorcio da Zona Franca de Vigo está disposto a estender a súa liña de actuacións a Vilagarcía. A proposta realizada polo alcalde, Alberto Varela, na reunión que mantivo o pasado mes de novembro en Vigo co delegado da entidade, David Regades, empeza a dar pasos. De feito, Regades visitou onte o Concello para reunirse co rexedor e analizar os posibles investimentos que o organismo podería executar no municipio. Unha das ideas que se atopan sobre a mesa é a da posta en marcha dun viveiro e acelerador de empresas.
16.02.2019.- O contacto aberto con Zona Franca a iniciativa de Varela enmárcase nas políticas do executivo local para fomentar o desenvolvemento económico e empresarial da cidade a través de iniciativas que contribúan a dinamizar a actividade industrial e comercial do municipio. E neste sentido, os servizos que presta o Consorcio, así como os programas que desenvolve con éxito contrastado dende hai décadas, resultan moi interesantes para Vilagarcía.
Na reunión de onte, entre as numerosas opcións existentes, os dirixentes analizaron a posibilidades de establecer unha liña de colaboración entre ambas institucións para que, con investimento do Consorcio e xestionado polo Concello, se poida crear en Vilagarcía un viveiro ou acelerador de empresas tal e como xa puxo en marcha noutras localidades da provincia como O Porriño, Marín e Baiona (a través da Casa do reloxo) que está destinado a orientar, asesorar e prestar a axuda necesaria aos emprendedores locais que desexen poñer en marcha e desenvolver os seus proxectos empresariais. Para a creación deste servizo será necesario buscar un emprazamento axeitado no que instalar a sede deste viveiro e, a partir de aí, concretar o investimento necesario.
Pola súa banda, o delegado do Consorcio da Zona Franca de Vigo, David Regades, cre que este tipo de accións, de apoio ao emprendemento, inclúense no marco de actuacións do Consorcio e dada a importancia que ten Vilagarcía no noroeste peninsular ten que verse reflectida cun apoio aberto á súa economía. A boa sintonia e as facilidades que nos ofrece o seu alcalde, fan posible que pronto frutifique esta iniciativa.
O Concello tamén estaría interesado en que Zona Franca puxese a disposición da iniciativa privada local a súa plataforma de servizos a través da cal a entidade ofrece dende financiamento —a través da empresa de capital risco Vigo Activo—, ata a axuda a emprendedores —a través dos Centros de Iniciativas Empresariais e das colaboracións coa Universidade de Vigo en capital semente. Varela tamén ve moi interesante o servizo de elaboración de estudos económicos e de mercado que presta o Consorcio, e que poden ser moi útil tanto para o Concello como para as empresas á hora de dispor da información económica detallada e actualizada que se precisa á hora de planificar actuacións, proxectos ou tomar decisións.