CONCELLO
O Concello licita o subministro e posta en funcionamento do novo sistema de xestión tributaria, recadación e inspección O Concello de Vilagarcía véndea sacar a licitación a adquisición do novo sistema de xestión tributaria e a plataforma EDITRAM co obxecto de adaptar os sistemas informáticos ás necesidades e obrigas das administracións do século XXI. O investimento necesario para levar a cabo esta importante mellora tecnolóxica e operativa no Concello ascende a 494.890 euros que se financiarán cos fondos europeos concedidos ao proxecto “Vilagarcía Avanza” a través da EDUSI. A oferta xa se licitou no Boletín Oficial da UE e as empresas dispoñen de prazo ata o 22 de marzo para presentar as súas ofertas.
20.02.2019.- O contrato inclúe ademais do soporte tecnolóxico propiamente dito, os servizos de instalación e migración de datos, formación do persoal, configuración dos sistemas, posta en marcha, asistencia técnica, mantemento e soporte. O prazo de execución é de 17 meses.
En primeiro lugar, o novo sistema permitirá ao Concello cumprir na súa totalidade a lexislación en canto a Administración Electrónica. A nivel interno, en canto á operatividade da administración, elevará a eficiencia na xestión interna, o que se traducirá nunha maior axilidade na tramitación. Permitirá conectar telematicamente os diferentes servizos municipais para que poidan compartir bases de datos, información ou expedientes, situación que non permite o actual sistema adquirido hai 20 anos.
Tamén permitirá conectar todos os servizos do concello ás demais administracións. Deste xeito, o Concello terá acceso directo a datos e poderá intercambiar información con outros organismos, así como facer trámites, por exemplo coa oficina do Catastro, a Axencia Tributaria, a Dirección Xeral de Tráfico, Correos, Notarias ou a plataforma de entidades financeiras. Todo elo permitirá facer a notificación electrónica, tanto para o cidadán, como con outras administracións
A posta en marcha deste novo sistema de xestión tributaria, recadación e inspección, tamén ofrecerá moitos beneficios ao contribuínte que, por exemplo, poderá facer a súa propia planificación de pago de tributos segundo mellor lle conveña (fixar os prazos que desexe). Ademais, terá a posibilidade de realizar calquera trámite dende a súa casa, sen necesidade de trasladarse ao Concello, ademais de consultar telematicamente e de forma inmediata todos os seus datos e os trámites que ten no Concello (consulta dos seus bens, recibos pagados ou pendentes de pago, recibos domiciliados, presentación de solicitudes, altas e baixas…).