CONCELLO
Iniciados os trámites para adxudicar a reforma da grada de preferente no campo da Lomba O procedemento para a adxudicación da obra de reforma da cuberta da grada de preferente do campo municipal de fútbol da Lomba xa está en marcha. O Concello vén de sacar a licitación por importe de 181.442 euros os traballos que teñen un prazo de execución de 3 meses. A actuación enmárcase no plan de mantemento e mellora das infraestruturas deportivas que leva a cabo o Concello e financiarase con fondos do Plan Concellos da Deputación correspondentes aos exercicios 2018/19. As empresas interesadas en realizar esta obra dispoñen de prazo ata o 13 de marzo para presentar as súas ofertas.
23.02.2019.- A obra proxectada polo Concello comezará cunha actuación de restauración e reforzo da estrutura que soporta a cuberta, consistente na eliminación de óxidos e tratamento dos piares para sanealos e reforzalos convenientemente. A actual será desmontada por unha empresa autorizada e seguindo os procedementos establecidos pola lexislación vixente ao tratarse de materiais que conteñen amianto. Por último, instalarase a nova cuberta de paneis de chapa grecada. A xeometría e as características construtivas do novo tellado serán similares á da grada principal ou de tribuna, que se reformou por completo no ano 2004.
A actuación tamén prevé a instalación de pasamáns e varandas protectoras nas zonas de escaleiras.