CONCELLO
O Concello alega contra o Plan de Transporte da Xunta e reitera as liñas e servizos demandados polos vilagarciáns O alcalde de Vilagarcía, Alberto Varela, e a concelleira de Urbanismo e Mobilidade, Paola María, fixeron públicas hoxe as alegacións presentadas polo Concello contra o proxecto de explotación dos servizos de transporte público por estrada que a Xunta de Galicia pretende instaurar no municipio no marco do Plan de Transporte de Galicia. Para o goberno local, ademais de contravir a propia lei na que se basea e nos obxectivos do propio Plan de Transporte, o proxecto deseñado pola Xunta non recolle as demandas e necesidades que se lle trasladaron dende Vilagarcía e “resulta totalmente lesivo para os intereses e para o desenvolvemento socio económico da cidade”.
01.03.2019.- A concelleira de Mobilidade dixo ser consciente de que as alegacións de Vilagarcía “non van a causar sorpresa na Xunta, porque todo o que recollen xa se lle expuxera primeiro á Conselleira e logo aos redactores do Plan de Transporte na reunión celebrada en Santiago o 8 de agosto”. Pese a iso, María lamentou que “aínda por riba de non recoller nin unha soa das nosas propostas, fixeron todo o contrario ao que se lles pedía”.
Tal e como se fai constar nas alegacións, o Concello considera que o proxecto de explotación non resposta ás necesidades da cidadanía de Vilagarcía e da comarca do Salnés. Por citar algún exemplo, apúntase que non se prevé ningunha conexión co centro de Saúde de San Roque, nin cos núcleos rurais de Vilagarcía; tampouco coas instalacións deportivas do municipio nin cos polígonos industriais de Bamio, Trabanca e O Pousadoiro; e non se fai referencia respecto ao transporte escolar e a posibilidade do seu uso compartido. A maiores, insístese en que tampouco se prevén liñas constantes e diarias ao Hospital do Salnés.
Neste último punto a concelleira lembrou que, ao tratarse dunha competencia autonómica e mesmo estar recollido entre os obxectivos do Plan de Transporte de Galicia establecer conexións cos centros sanitarios, a Xunta rexeitou en varias ocasións colaborar economicamente co Concello de Vilagarcía para crea unha liña de autobús entre o centro da cidade e o centro de Ande. Ante esta situación e para atender a demanda da cidadanía, o Concello decidiu financiar por conta propia o VaiBus+ e poñer en marcha cinco servizos directos ao día. Tan so en 2018, o Concello gastou 61.000 euros en financiar o transporte ao hospital e o bono do autobús urbano do VaiBus.
Boa parte das alegacións do Concello céntranse en desbotar as medidas que a Xunta propón no “Proxecto de explotación Norte da Comarca do Salnés e termo municipal de Catoira”, que é no que se enmarca Vilagarcía. O fundamento xurídico das alegacións é que este proxecto incumpre á propia lei na que se basea, así como os obxectivos principais marcados no Plan de Transporte Público de Galicia en relación ao principios da intermodalidade. A proposta para Vilagarcía obvia por completo a esixida conexión e coordinación entre os diferentes transportes públicos ao non conectar as liñas de autobús coa estación de ferrocarril e ao centralizar nunha parada do centro da cidade (Cavadelo) todas as liñas procedentes doutros municipios, en lugar de facelo na estación de autobuses.
Aparte da necesaria intermodalidade entre as estacións de bus e de tren, o Concello de Vilagarcía rexeita que O Cavadelo concentre todas as liñas de autobús, posto que se trata dunha parada e non dunha estación como a que si existe en Lopez Ballesteros. Ademais, oponse a esta medida debido aos problemas de tráfico que ocasionaría no centro da cidade, segundo apunta o informe da Policía local que se engade ás alegacións.
No eido da intermodalidade bus-ferrocarril, o Concello insiste no escrito en que o proxecto da Xunta esquece as necesidades dos vilagarciáns e dos veciños dos municipios do Salnés, parte do Barbanza e do Ulla-Umia, que se desprazan ata Vilagarcía para coller o tren. Cando o obxectivo debería ser que as liñas de autobuses conectaran e estivesen debidamente coordinadas co tren, o proxecto, sen embargo, alexa o bus da estación do ferrocarril e da de autobuses, situada nas súas inmediacións.
O Concello tamén denuncia que o proxecto non contribúe a vertebrar o territorio posto que, en lugar de establecer liñas que permitan unha boa comunicación entre municipios, o que se consegue co modelo proposto será o completo illamento dunhas localidades respecto a outras, e mesmo que dentro dun mesmo municipio, as zonas rurais queden incomunicadas dos núcleos urbanos.
Demandas concretas de Vilagarcía
No escrito de alegacións, o Concello volve a reiterar as demandas xa trasladadas hai meses á Xunta de Galicia co obxecto de que sexan incorporadas ao proxecto de explotación. Pídese a supresión do Cavadelo como parada para as liñas de autobuses procedentes doutros municipios e que estas se redirixan á estación de autobuses. Tamén se reivindica a remodelación desta infraestrutura para convertela nunha estación intermodal conectada coa estación do ferrocarril situada nas súas proximidades.
En canto ao autobús urbano, demándase a creación dunha liña dende Bamio-Pedroso ao Hospital do Salnés (pasando e con paradas en Carril, Avenida da Mariña, Rodrigo de Mendoza, IES Castro Alobre, San Roque-Centro de Saúde, A Florida, As Carolinas). Propóñense 5 expedicións diarias de ida e volta . Unha das demandas cidadáns que o Concello Tamén reitera á Xunta é a dunha liña circular de autobuses para unir os núcleos urbanos de Carril-Vilagarcía-Vilaxoán, con paradas nas zonas densamente poboadas de Rodrigo de Mendoza, As Carolinas, A Coca, A Florida e San Roque.
Tamén se propón a creación de servizos directos dende a urbanización do Rial ata o Hospital do Salnés, que entraría no barrio do Piñeiriño, así como que se aumenten as expedicións da liña Carril-Urbanización O Rial con horarios más amplos pola noite.
En aras da intermodalidade pola que avoga o Plan de Transportes, o Concello propón que os autobuses da liña Carril, Vilagarcía,Vilaxoán se adentre ata a estación de ferrocarril.
A maiores pídense máis frecuencias de servizo ao complexo deportivo de Fontecarmoa, con paradas intermedias que poderían dar servizo a Renza.
E por último solicítase o establecemento a ampliación dos horarios nocturnos dos buses urbanos nas fins de semana e durante a época estival, medida que se está prestando grazas ás xestións realizadas polo Concello coa empresa Pereira, pero que non está recollida no proxecto de explotación.
O alcalde lamentou moito que todas estas demandas nas que insisten as alegacións non se tiveran recollida xa no proxecto “porque teríamos adiantado moito”. Maila isto, Varela Paz considera que a Xunta de Galicia aínda está a tempo de rectificar para que o Plan de Transporte de Galicia sexa unha ferramenta eficaz e eficiente que atenda as necesidades dos cidadáns e sexa o medio para que Galicia avance cara a modernidade.
"A tempo de rectificar"
O rexedor destacou a relevancia deste asunto apuntando que “é unha oportunidade que a Xunta non debe deixar pasar” e engadiu que vai oito máis alá de localismos ou cores políticos, como o demostran as alegacións que están presentando todos os Concellos, independentemente de quen os goberne. Sen ir máis lonxe, Varela lembrou que Ribadumia e mesmo a Mancomunidade do Salnés alegaron ao Plan e coinciden con Vilagarcía e moitas das necesidades específicas para vertebrar o transporte na nosa comarca, principalmente no referente ás conexións co hospital e á intermodalidade coa estación de ferrocarril de Vilagarcía que da servizo aos municipios do Salnés.