OBRAS E SERVIZOS
A substitución da rede de abastecemento de Doutor Tourón comezará a mediados da semana que vén A obra de renovación da rede de abastecemento de auga na avenida Doutor Tourón comezará a mediados da semana que ven co obxectivo de que os servizos desta céntrica e poboada zona de Vilagarcía non volvan a sufrir as consecuencias das reiteradas roturas que se estaban a producir pola antigüidade e mal estado da canalización. A concesionaria, Espina e Delfín calcula que os traballos estarán rematados en cuestión de quince días.
08.03.2019.- Dada a excepcionalidade e a urxencia que reviste a actuación nun servizo básico e fundamental como é o do abastecemento de auga potable, tras aprobar o Pleno o cambio de finalidade de créditos para financiar a obra, a Xunta de Goberno adxudicou esta semana os traballos a Espina y Delfín. O executivo apremou á empresa para que deran prioridade absoluta a actuación que, hoxe mesmo, comunicaron que comezará a mediados da semana que ven.
Como xa se tiña avanzado, para a renovación do colector principal de abastecemento utilizarase un innovador sistema denominado RELINING" que permite substituír a tubería sen necesidade de abrir gabia, o que supón un proceso máis rápido, económico e sostible que o método convencional.
Ao non precisar abrir a calzada, ademais de reducir os custes, o impacto que os traballos terán no tráfico rodado nesta importante vía de acceso ao centro da cidade serán mínimos. Tamén se evitan os molestos ruídos por perforacións da vía e se reduce ao mínimo a xestión de residuos resultantes.
Con realización desta obra renovarase o tramo de colector de 417 metros de lonxitude que discorre entre a Glorieta da Mariña Española e o cruce de Vistalegre. Para instalar o novo tubo de 200 milímetros de diámetro só será preciso abrir sete catas de 5 metros de longo por 1,5 de ancho. A tubería será de polietileno, material resistente pero que conta coa flexibilidade necesaria para poder introducilo e guialo polo interior da vella canalización sen necesidade de facer a obra a ceo descuberto. A actuación farase en tramos, realizando as conexións nos 7 puntos das catas. A obra ten un custe de case 48.000 euros que se financian con fondos prontos procedentes dos sobrantes de diversas partidas.