OBRAS E SERVIZOS
O Concello destina 244.000 euros a novas actuacións de asfaltado e mellora de camiños municipais no rural O Concello de Vilagarcía investirá este ano 244.000 euros en actuacións de asfaltado e mellora de camiños das parroquias do rural e da periferia. O plan levarase cabo en dúas fases e beneficiará a camiños das zonas de Rubiáns, Solobeira, Trabanca Sardiñeira, Trabanca Badiña, Castroagudín, Bamio, A Laxe, Faxilde, Cornazo e á travesía Pablo Picasso. Estas actuacións financiaranse con cargo ao Plan Concellos da Deputación, nun caso coas rebaixas en adxudicacións de obras e noutro polo cambio de finalidade dun investimento. Os proxectos das dúas fases do plan xa están redactados e aprobados pola Xunta de Goberno Local e o Concello xa trasladou á Deputación a solicitude de reinvestimentos dos fondos.
23.03.2019.- Os camiños nos que se vai a actuar precisan dunha intervención debido ao desgaste da actual capa de rodadura, á afundimentos ou á presenza de fendas ou fochas. Os traballos aproveitaranse para ensanchar os camiños naquelas zonas onde se levaron a cabo retranqueos para axustar á vía ás aliñacións previstas no PXOM, mellorando así as condicións da calzada e aumentando a seguridade viaria.
Os traballos a realizar consistirán no varrido inicial da superficie dos camiños, a mellora da capa de rodadura mediante asfaltado e a elevación das tapas de rexistro existentes. Cada unha das fases do plan de asfaltado e mellora de camiños ten un prazo de execución de 2 meses.
A primeira fase do plan inclúe actuacións en camiños de Rubiáns, Solobeira, Trabanca Sardiñeira, Trabanca Badiña, Castroagudín en travesía Pablo Picasso. O custe destas obras ascende a 99.469 euros que se financian co reinvestimento das cantidades siobrantes coas rebaixas das obras de humanización da Rúa Vázquez leis, en Vilaxoán, e Rúa Cervantes en Carril.
Na segunda fase actuarase sobre camiños de Rubiáns, Bamio, A Laxe, Faxilde e Cornazo. O custe destas obras elévase a 144.618 euros. Para financiar esta fase solicítase o cambio de finalidade da subvención solicitada inicialmente á Deputación para a ampliación da piscina municipal, posto que as obras non estarán rematadas antes da finalización do prazo do POS. En todo caso, a construción da segunda piscina levarase a cabo igualmente cos fondos FEDER, como se dixera dende o principio, e en caso de necesitar complementarse, recorreríase a fondos propios ou ás seguintes convocatorias do Plan Concellos.
As obras poderán saír a licitación tan pronto como a Deputación comunique a aprobación do reinvestimento e do cambio de finalidade das subvencións do POS.