OBRAS E SERVIZOS
A Deputación da vía libre ao financiamento do saneamento a Pedramogueira e o Concello tramita a solicitude de permisos O Concello de Vilagarcía xa conta co visto bo da Deputación para acometer a obra de ampliación da rede de saneamento ata o lugar de Pedramogueira, en Renza. A Xunta de Goberno Local tomou coñecemento onte da concesión por parte do organismo provincial da subvención de 151.874 euros con cargo ao POS, polo que o Concello xa iniciou a tramitación dos permisos de Augas de Galicia e de Estadas da Xunta para acometer o proxecto que discorre por terreos afectados por ambos organismos. Posteriormente, sacarase a obra a licitación.
26.03.2019.- A extensión da rede municipal de saneamento ata o pequeno núcleo de vivendas de Pedramogueira é unha vella demanda dos veciños que viven nesa zona de Renza. A obra non se levara a cabo ata o de agora debido á complexa orografía do terreo situado no alto de Renza e, consecuentemente, ao elevado custe que suporía salvar este obstáculo. Maila isto, o goberno que preside Alberto varela, decidiu acometer a actuación para que a media ducia de familias que habitan a zona máis afastada do núcleo de Pedramogueira poidan dispor do servizo de saneamento igual que o resto dos veciños do municipio.
Antes de elaborar o proxecto foi preciso levar a cabo un estudo topográfico da zona, segundo o cal se concretou a obra a realizar. Debido á forte pendente existente neses terreos, a actuación precisa da instalación de bombeos e impulsores. Aproveitando o estudo topográfico, o proxecto elaborouse tendo en conta actuacións futuras, de xeito que a rede que se vai a instalar agora poida conectarse máis adiante a un novo ramal de Renza, coa previsión de dar servizo a máis vivendas da parroquia.
A necesidade de pedir permisos a Augas de Galicia e ao departamento autonómico de estradas é que un dos bombeos emprazarase nas proximidades dun regato e a canalización discorre por unha vía de servizo que da acceso á estrada autonómica que vai dende a rotonda de Renza á zona do Rial.