MEDIO AMBIENTE
Augas de Galicia acomete a limpeza do río Leiro demandada en outubro polo Concello O organismo autonómico Augas de Galicia comunicou esta má ao Concello do inicio dos traballos de limpeza e mantemento dun tramo do río Leiro, ao eu paso polas parroquias de Rubiáns e de Santa Baia de Arealonga. Esta medida fora solicitada polo Concello de Vilagarcía a mediados do mes de outubro co obxecto de previr inundacións e garantir o bo estado do leito antes do inicio da tempada de chuvias. Xunto á limpeza do Leiro, tamén se demandou a Augas de Galicia que actuase no Con. Pola súa banda, o Concello de Vilagarcía acometeu durante o outono con persoal propio a limpeza doutros cinco regatos do municipio.
27.03.2019.- Segundo a comunicación do organismo autonómico, os traballos que se están realizando no río Leiro afectarán a un tramo do leiro de 1.900 metros de lonxitude, abarcando un treito que discorre entre os lugares de A Bouza e Perrón, en Rubiáns, e A Laxe, en Vilagarcía. As labores consisten na roza das masas de matogueira, eliminación dos atascos producidos por ramas de árbores caídas e tala de ponlas e exemplares en risco de caída. Tamén se procederá á retirada manual en zonas puntuais da Egeria densa, especie de alga invasora procedente do Brasil.
Para a execución destes traballos, o persoal de Augas de Galicia utilizará motoserras, podadoras un dumper e un mini camión.
Polo que respecta ao Concello, no marco da colaboración que mantén con Augas de Galicia dentro do programa de prevención de inundacións e mantemento dos leitos fluviais municipais, durante os meses de outono e principios do inverno, os operarios da Concellería de Medio Ambiente procederon á limpeza dos regatos da Tripeira (Guillán), Faxilde (Sobrán) e A Torre (no lugar de Invisa) e dos ríos da Lomba (parroquia da Xunqueira) e de Santa Mariña (Cornazo de Abaixo).