OBRAS E SERVIZOS
Iniciado o procedemento para contratar a reposición da cuberta do pavillón de Faxilde O pavillón de Faxilde será a próxima infraestrutura deportiva na que actuará o Concello de Vilagarcía co obxectivo de mellorar as instalacións e as condicións de uso das mesmas. Neste caso, as obras consistirán no cambio da cuberta que se atopa moi deteriorada polo paso do tempo e a través da que se filtra auga, e precisarán dun investimento de 57.154 euros que se financiarán a través do Plan de Obras e servizos (POS) da Deputación. O organismo provincial xa aprobou a subvención, polo que o Concello puxo en marcha os trámites para contratar a obra que ten un prazo de execución de 2 meses.
03.04.2019.- O pavillón de Faxilde emprázase nas inmediacións do colexio polo que os seus usuarios son tanto o colectivo escolar do centro vilaxoanés coma a Fundación Pública de Servizos Deportivos, que utiliza este pavillón para albergar as actividades propias, así como para dar servizo a distintos clubs deportivos do municipio que o usan para adestramentos e celebración de partidos. Consecuentemente, a obra repercutirá positivamente nun amplo número de persoas.
A actuación promovida polo Concello xustifícase polo mal estado non que se atopa a cuberta do edificio construído no ano 1977 e no que se observan bastantes puntos de filtración de auga e zonas oxidadas. Tamén se detectou unha baixante da recollida de pluviais rota. Estas circunstancias xeran a filtración de auga e humidades ao interior da instalación deportiva o que, ademais de supoñer un risco para a práctica deportiva a consecuencias de resbalóns e caídas, tamén acelera o deterioro das mesmas.
Para resolver esta problemática, o proxecto promovido polo Concello prevé a substitución do material actual de cobertura do pavillón por paneis sándwich vermello- tella e remates en chapa metálica da mesma cor. A iluminación cenital manterase, dispoñendo nos tragaluces novas planas translúcidas de policarbonato. Tamén se colocarán novos canalóns de pluviais que se conectarán as actuais baixantes e arranxarase a que se atopa rota.
Ademais de acabar coa filtración de auga e coas humidades, a execución desta obra mellorará a envolvente térmica do pavillón aportando maior confort aos usuarios.