OBRAS E SERVIZOS
O Concello dobrará un tramo da rede de saneamento para reducir o risco de atascos na rúa Vilaboa Tal como se sospeitaba, os problemas que se estaban a rexistrar no saneamento da Rúa Vilaboa estaban provocados polo atasco da rede debido a un mal uso do servizo. Tras abrir a rúa, comprobouse que a tubaría estaba taponada en tres puntos diferentes por unha amalgama solidificada composta por graxas, deterxentes, toalliñas, produtos de hixiene íntima e obxectos tales como unha pelota de tenis e un cuberto. Ademais de facer un chamamento ao uso correcto do saneamento por parte dos usuarios, o Concello dobrará a canalización para repartir o caudal e tratar con isto de evitar os atascos.
11.04.2019.- Os traballos comezaron hoxe mesmo e consistirán na instalación dun segundo colector que conectará mediante un baypass co tubo actual da Rúa Vilaboa e discorrerá ao longo duns 25 metros pola Rúa Veiga de Abaixo, onde entroncará coa rede que pasa por alí e desemboca no bombeo de Amproa. Deste xeito o caudal de residuais da Rúa Vilaboa dividirase entre a actual canalización, que conecta con Pablo Picasso, e entre o novo tubo que conducirá as augas negras cara a avenida Valle Inclán.
As obras levaranse a cabo co a maior celeridade co obxecto de telas rematadas antes de que regresen as choivas, que soen elevar o caudal do saneamento e levar arrastres de terra. Posteriormente, cando as condicións climatolóxicas o permitan, reporase o firme.
O concelleiro de Obras e servizos, Lino Mouriño fai un chamamento á cidadanía para que faga un bo uso da rede de saneamento e para que se evite tirar polos desaugues aceites, produtos de hixiene íntima e, sobre todo toalliñas que, pese a que os envases poñan que se poden desbotar polo WC, o certo é que non son biodegradables e obturan redes e as maquinarias de bombeos dos sistemas de saneamento non só en Vilagarcía, si non en todas as cidades do mundo.