EDUCACIÓN
A Escola Municipal de Música abre a matriculación para alumnado de novo ingreso o 29 de abril A Escola Municipal de Música “Bernardo del Río” de Vilagarcía pechou xa o calendario de matrícula para o curso 2019/20, tanto no apartado de novo ingreso como no de renovación de praza. O primeiro prazo será o de matriculación para alumnado que pretende acceder ao centro por primeira vez, é dicir, de novo ingreso cuxos trámites de solicitude de praza deberán realizarase entre o 29 de abril e o 3 de maio. Os interesados poderán dispoñer dos formularios a partir do día 23 de abril, co obxecto de que dispoñan de tempo suficiente para informarse e cubrilos debidamente.
12.04.2019.- Os educandos que pretendan acceder por primeira vez ás ensinanzas que imparte a Escola de Música e teñan entre 3 e 7 anos de idade, deberán matricularse no grao de Música e Movemento, no curso que lle corresponda en relación á súa idade. Os maiores de 8 anos, e sen limite de idade, poderán optar ás especialidades instrumentais que se imparten no centro dentro dos grupos de corda, vento-madeira, vento-metal e percusión. No apartado de instrumentos de corda poden cursar piano, guitarra (clásica e eléctrica), baixo eléctrico, violín, viola, violoncello e contrabaixo. No de vento-madeira, saxofón, clarinete e frauta traveseira. En vento-metal impártense as especialidades instrumentais de trompeta, trompa, trombón e bombardino (tuba) e en percusión as de batería, timbais, láminas e multipercusión.
Calendario de matriculación de novo ingreso:
Do 23 ao 26 de abril establécese un primeiro prazo para información e entrega de impresos de solicitude de praza. Os formularios poderán recollerse na secretaría da Escola, sita no Ramal, e tamén se poderán descargar da páxina web http://www.emmusicavilagarcia.com , así como do taboleiro de anuncios do portal municipal http://www.vilagarcia.gal e da sede electrónica do Concello, sede.vilagarcia.gal A solicitude de praza deberá realizarse entre o 29 de abril ao 3 de maio, mediante a entrega dos impresos cubertos na secretaría do centro. Tamén se poderán enviar a través da dirección de correo electrónico escolamusica@vilagarcia.gal . As lista de admitidos publicarase o 12 de xuño e a matriculación propiamente dita terá que facerse os días 13 e 14 de xuño.
Renovación de praza: O alumnado que estean actualmente cursando estudos musicais na Escola Bernardo del Río e pretenda continuar o curso que ven, terá que solicitar a renovación de matrícula, entre o 3 e o 7 de xuño.