EDUCACIÓN
O Conservatorio ofrece 27 prazas repartidas en 11 especialidades instrumentais para o vindeiro curso O Conservatorio Municipal de Música de Vilagarcía ofrece para o curso que ven un total de 27 prazas distribuídas nas 11 especialidades instrumentais que se imparten nos graos Elemental e Profesional. O centro de ensino musical abre o luns, 13 de maio, o prazo para inscribirse nas probas de acceso que deberán superar os alumnos que desexen cursar estudos no Conservatorio de Vilagarcía.
09.05.2019.- En total son 13 as prazas dispoñibles no Grao Elemental e 14 para o Profesional. En canto aos instrumentos, piano é para o que existe o maior número de prazas con 7 (3 en elemental e 4 en profesional), seguido de violín (1 de elemental 2 en profesional) e violonchelo (2 en elemental e 1 en profesional). Gaita e trombo son este ano as especialidades con menor oferta, so unha praza para cada un deles no grao elemental.
O número de prazas para os demais instrumentos é de 2 de clarinete en grao profesional, 2 de frauta (1 por grao), 2 de guitarra (1 en cada grao), ao igual que en percusión, saxofón e trompeta.
Como se sabe, para acceder ao Conservatorio, os aspirantes deben superar as probas de acceso. A inscrición para estes exames de ingreso debe realizarse do 13 ao 23 de maio nas dependencias do Conservatorio (sitas no Auditorio) en horario de 10 a 13.30 horas pola mañá e de 16 a 20 horas pola tarde. Para facelo deberán presentar cuberto o impreso de matrícula que se pode recoller nas oficinas do centro, copia do DNI ou folla do libro de familia e o ticket de ter abonado as taxas de exame. As taxas son de 31.20 euros para o grao elemental e 83,20 para o profesional, como nos últimos anos.