EDUCACIÓN
O Concello pon en marcha unha nova convocatoria das axudas municipais para os Plans Madruga A Xunta Local de Goberno aprobou as bases que rexerán unha a convocatoria das axudas ao Plan Madruga correspondentes ao ano 2019. A Concellería de Educación subvenciona os programas organizados polas ANPAS dos centros educativos coa finalidade favorecer a conciliación das familias. As axudas ascenden a un máximo de 100 euros mensuais e non se esixe un número mínimo de participantes no servizo. O prazo para solicitar as subvencións para o período comprendido entre xaneiro e xuño do ano en curso ábrese o 27 de maio. Posteriormente abrirase un novo prazo para realizar o trámite correspondente as Plans Madruga de setembro a decembro.
20.05.2019.- A Concellería de Educación xa remitiu a todas as ANPAS do municipio a información e os formularios para tramitar as solicitudes. O primeiro prazo de solicitude (para os plans de xaneiro a xuño) vai do 27 de maio ao 16 de xuño e logo ábrese outro período para a xustificación dos gastos. Para os plans madruga a desenvolver de setembro a decembro de 2019, abrirase un segundo prazo de solicitude que irá do 15 de setembro ao 15 de setembro e tamén haberá un período posterior para presentar a documentación xustificativa dos gastos.
As axudas están dirixidas aos centros do municipio de Educación Infantil e Primaria sostidos con fondos públicos e para os obradoiros de mañá que estean atendidos por persoal especializado nos que os nenos realicen actividades lúdico educativas como pintura, lectura, xogos tradicional ou reciclaxe entre outras. O departamento que dirixe Argimiro Serén, dispuxo para o presente ano unha partida de 10.000 euros destinados a financiar os Plan Madruga.
O Plan Madruga é unha medida de conciliación da vida familiar e laboral que normalmente prestan as ANPAS dos centros educativos. O goberno socialista recuperou hai tres anos as axudas para financiar estes plans por considerar que se trata dunha medida de apoio vital para a prestación dun servizo necesario. Grazas e esta iniciativa, as familias cuxos proxenitores entran a traballar antes do inicio da xornada escolar, poden deixar aos seus fillos nos centros educativos ás oito da mañá, atendidos por monitores ata a hora de entrada ás aulas. A convocatoria enmárcase nas políticas sociais que están a marcar a acción do goberno de Varela Paz.