EMPREGO
O Concello súmase ao plan “O Teu Primeiro Emprego” para facilitar a realización de prácticas laborais a 4 titulados Co obxectivo de a mocidade poida adquirir experiencia laboral tras a obtención dos seus títulos profesionais, o Concello de Vilagarcía adhírese ao Plan “O teu primeiro emprego” promovido pola Deputación Provincial de Pontevedra. A Xunta Local de Goberno acordou esta semana solicitar ao organismo provincial unha subvención de 46.800 euros cos que financiar a contratación de 4 titulados e para o que o Concello aportará outros 23.095 euros.
23.05.2019.- O programa “O teu primeiro emprego” ten como finalidade facilitar aos titulados universitarios e de ciclos superiores de Formación profesional o acceso a un primeiro emprego adecuado ao nivel e á especialidade dos estudos cursados, de xeito que lles permita adquirir a experiencia profesional que se lles demanda desde a iniciativa privada para a posterior inserción no mercado laboral.
En proporción ao número de habitantes, a través deste plan Vilagarcía pode solicitar financiamento para 4 contratos de prácticas a xornada completa e durante un período de 12 meses. As titulacións propostas polo Concello son diplomatura ou grao de Traballo Social, diplomatura ou grao en Maxisterio, ciclo superior de técnico en actividades Físico e Deportivas (TAFAD) e ciclo superior en Administración de Sistemas Informáticos en Rede. Estes bolseiros desempeñarían as súas funcións no Concello nos departamentos de Servizos Sociais, Educación, Fundación de Deportes e Emprego, respectivamente.
A solicitude da subvención xa se remitiu á Deputación que deberán resolver a convocatoria para poder iniciar os trámites para a selección dos aspirantes tan pronto como se saiba si se aproba a axuda.