MEDIO AMBIENTE
O plan de mellora do saneamento continúa coa renovación de tres bombeos en Bamio e Cea O Concello de Vilagarcía levará a cabo nas vindeiras semanas unha nova actuación enmarcada no plan de mellora da rede de saneamento. A Xunta Local de Goberno acordou na reunión desta semana a adquisición dos equipamentos necesarios para renovar a maquinaria de tres bombeos situados nas parroquias de Bamio e Cea. O gasto realizado supera os 3.000 euros e as obras levaranse a cabo tan pronto se subministre o material.
14.06.2019.- A nova actuación de mellora das instalacións do servizo municipal de saneamento afectará a dous bombeos de Bamio, en concreto os dos lugares de Mar Pequeno e do Cemiterio, e a un de Cea, o localizado na zona do Río. Nos tres casos, os traballos consistirán en substituír as pezas da vella maquinaria por outras novas que garantan o perfecto funcionamento do sistema de bombeo das augas residuais nestes puntos, dado que as actuais están desgastadas polo uso continuado durante anos e xa non ofrecen unha prestación óptima, polo son máis frecuentes están ás avarías.
Un dos principais obxectivos do executivo presidido por Alberto Varela durante o mandato que está a piques de rematar foi a renovación progresiva do sistema de saneamento que, despois de anos sen recibir investimentos para o seu mantemento, presentaba un estado moi deficiente que daba pe a constante avarías e, consecuentemente, desbordamentos. Para ofrecer un servizo óptimo e loitar contra os verquidos, nos últimos catro anos leváronse a abo numerosas actuacións e investimentos en mellorar e renovar a rede, mediante a substitución de bombeos, ampliación de capacidade e potencia e ampliación da rede.