MEDIO AMBIENTE
O Concello aproba as bases das axudas para o mantemento dos montes e prevención de incendios forestais A Xunta Local de Goberno aprobou o luns as bases reguladoras das subvencións municipais para actuacións preventivas e obras forestais destinadas á prevención e defensa contra os incendios e protección dos montes do termo municipal. A liña de axudas está destinada a proxectos a desenvolver polas mancomunidades e comunidades de montes en man común do termo municipal ao longo do ano 2019. O Concello dispón dunha partida ata os 85.000 euros para financiar as actuacións levadas a cabo polas xuntas de montes ao longo de todo o ano 2019.
03.07.2019.- As axudas poden solicitarse unha vez que a convocatoria salga publicada no Boletín Oficial da Provincia, a partir do cal os interesados disporán dun prazo de 20 días naturais para realizar o trámite. As bases e anexos de solicitude poden obterse no taboleiro de anuncios desta web.
Estas axudas teñen como obxectivo financiar iniciativas que contribúan a mellorar a situación dos nosos montes en relación á prevención e loita contra os incendios forestais. Financiaranse actuacións para a creación de devesas, tratamentos axeitados da biomasa residual, podas, rareos da masa arbórea así como limpeza e rozas das zonas de protección. Tamén se conceden axudas actuacións de silvicultura preventiva, reforestación, xestión de biomasa vexetal e para dotación das infraestruturas preventivas necesarias para unha efectiva actuación contra incendios forestais, tales como os puntos de abastecemento de auga.
As mancomunidades e comunidades de montes en man común poderán presentar proxectos individuais ou colectivamente con outras entidades. As axudas tramitaranse polo réxime de concorrencia non competitiva e financiaranse proxectos executados ao longo do ano 2019. Os importes das axudas son variables. Unhas calcúlanse en función de aspectos como a superficie que abarque a actuación proxectada, si é unha actuación a levar a cabo de forma manual ou mecanizada e tamén en función da capacidade do depósito de auga. Hai unha excepción, na que se poden financiar ata o 100% do custe do proxecto: a construción de puntos de captación de auga adaptados para vehículos contra incendios, para o cal se esixirá a aprobación preceptiva do SDCIF.