DEPORTE
O campo municipal Mari Paz Vilas acolle do 15 ao 19 de xullo o VI Campus de Verán do RC Celta O Campo Municipal de Fútbol Mari Paz Vilas acolle do 15 ao 19 de xullo o VI Campus de Verán do Real Club Celta organizado pola Fundación do club vigués coa colaboración da Fundación Municipal de Deportes do Concello e do club de fútbol Vilagarcía. Un total de 5o nenos e nenas de idades comprendidas entre os 4 e os 14 anos poderán formarse e divertirse a través do fútbol nunha experiencia na que ademais traballarán aspectos como o respecto, o traballo en equipo, o esforzo ou a inclusión, entre outros.
11.07.2019.- O presidente da Fundación Municipal de Deportes, Argimiro Serén e o director da Fundación RC Celta de Vigo, Germán Arteta, presentaron no Concello o sexto campus de verán que o club celeste organiza en Vilagarcía por sexto ano consecutivo. Tamén participou no acto un directivo do Club de Fútbol Vilagarcía. Arteta agradeceu a colaboración do Concello de Vilagarcía para a celebración deste campus, que forma parte xa das sedes estables de verán do Celta e asegurou que a entidade “estamos encantados de vir aquí, a zona do noso porteiro, Sergio, porque aquí sentímonos moi queridos e a gusto”.
O campus celebrarase nas datas mencionadas, no campo municipal de Berdón en horario de 10 a 14 horas, excepto o último día que, con motivo da xornada de clausura, aberta á participación de familiares e amigos dos participantes, as actividades prolongaranse ata as 18:00 horas.
Os nenos e nenas que participen no campus serán adestrados por monitores do equipo técnico do club Celta que traslada a esta actividade a metodoloxía e filosofía que se sigue nos adestramentos das bases do equipo celeste. Todos os participantes recibirán unha equipación completa do Celta (pantalón, camiseta e medias).
A cota xeral para asistir ao campus é de 132 euros por participante, cantidade que se reduce a 119 euros para os rapaces que estean empadroados en Vilagarcía e para os membros do Club Vilagarcía. Nestes momentos xa están cubertas algo máis de 30 das 50 prazas dispoñibles, pero os interesados aínda están a tempo de inscribirse a través do enderezo http://www.rccelta.es / e dentro do apartado da Fundación.